Río Miño
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
| Río Miño | |
|---|---|
Vista do río Miño e de Tui desde Valença (Portugal) |
|
| Nacemento: | Pedregal de Irimia |
| Altitude da fonte: | 600 msnm |
| Lonxitude: | 350 Km |
| Caudal medio: | 340 m³/s |
| Conca: | |
| País: | Galiza e Portugal |
| Desemboca: | Océano Atlántico |
O Miño (en portugués: Minho) é o río máis longo de Galiza, cunha lonxitude de 350 km [1][2]. Pasa polas vilas de Rábade, Portomarín, Ribadavia, Melgaço, Monção, Tui e Valença do Minho.
Índice |
[editar] Topografía
O Miño nace no pedregal de Irimia, na serra de Meira, no concello lugués de Meira, formando tamén a súa cabeceira os Regos, Porto da Pena e Xirómeno. Máis adiante acrecenta o seu caudal coas augas da Lagoa de Fonmiñá, na Pastoriza (Lugo), a uns 50 km ao norte da capital de provincia. Atravesa Lugo e Ourense, e desemboca na Guarda (Pontevedra) facendo fronteira con Portugal (onde se di que desemboca preto de Caminha).
[editar] Bioloxía
Despois de recibir o Sil, flúe cara ao sudoeste e, a partir do encoro de Frieira ata a desembocadura, o Miño constitúe fronteira entre Galiza e Portugal. En Ribadavia, ás súas beiras, prodúcese o célebre viño do Ribeiro de Avia. Fai de fronteira uns 80 km, no centro dun val de forte produción agrícola, con millo ou patacas, por exemplo, así como forraxe para o gando. Na tirada final tamén se ve bordeado por viñas de Albariño.
[editar] Xeoloxía
[editar] Medio ambiente
Na bacía alta do Miño existen diversos tipos de ecosistemas acuáticos, característicos da rexión bioclimática atlántica. Afluentes como o Parga, o Ladra e o Támoga integran un característico complexo húmido, formado por unha extensa rede de canles, lagoas e terreos inundados aos que se asocian pasteiros, zonas agrícolas, bosques de ribeira, turbeiras ombotróficas, breixeiras e carballeiras. Esta grande diversidade de hábitat acolle numerosas especies de aves durante o período invernal.[3]
O tramo do baixo Miño da lugar a unha ría estreita e ateigada con depósitos de sedimentos, o que a converte nun importante reservorio de marismas e esteiros. Os problemas de conservación a que se ve sometida esta zona radican na alta presión urbanística, cinexética e pesqueira, ademais da contaminación producida polos residuos urbanos.
En todo o curso do río atópanse peixes como a troita (Salmo trutta) e a anguía (Anguilla anguilla) e mamíferos como o aguaneiro (Galemys pyrenaicus) e a lontra (Lutra, lutra).
No tramo alto atopamos unha vexetación formada por bosques aluviais de ameneiros (Almus glutinosa) e freixos (Fraxinus escelsior), carballeiras (Quercus robur e Quercus pyrenaica) e uceiras húmidas atlánticas (Erica cillaris e Erica tetralix). No relativo á fauna, están presentes numerosas anátidas (Anase recta, Anas platyrhynchos, Anas clypeata), así como un pequeno núcleo de sisón (Tetrax tetrax). Como especies piscícolas atopamos poboacións de ciprínidos como o cacho (Lenciscus carditerti), a reñosa (Rutilus arcani) e a boga (Choridostona polylepis duriensis). Dentro dos gasterosteidos, o espiñoso (Gasterosteus acuileatus).
O tramo baixo do Miño alberga durante o inverno gran numero de aves acuáticas, como o porrón moñudo (Aythya gulicula), a píldora dourada (Pluvialis apricaria), a píldora cincenta (Pluvialis squatarola) e a avefría (Vanellus vanellus). Tamén conta cunha importante variedade de peixes, entre os que destaca o salmón (que presenta neste río o linde de distribución máis meridional de toda Europa) e a lamprea (Petromyzon marinus) pescada tradicionalmente nestas augas, en cuxa captura empregábanse diques de feitura peculiar, denominadas pesqueiras. Outras especies piscícolas que se atopan neste tramo son o sábalo (Alosa alosa), a sabela (Alosa fallax), o carpín (Carassius auratus), a perca negra (Micropterus salmoides) e a solla (Plactichthy plesus).
[editar] Aproveitamento
O Miño é o río máis caudaloso de Galiza. Ten como principal afluente o Sil, que aporta un caudal semellante na fronteira entre as provincias de Lugo e Ourense (Os Peares, 30 km ao norte de Ourense). Está inzado de encoros: 3 entre Lugo e Ourense (Belesar, 654 hm³; Os Peares, 182 hm³; Velle, 17 hm³); e dous entre Ourense e Portugal (Castrelo de Miño, 60 hm³; Frieira, 44 hm³).
É navegábel de xeito transversal, e lonxitudinalmente en pequenos tramos e na súa desembocadura.
[editar] Afluentes pola marxe dereita
- Na provincia de Pontevedra: Tamuxe, Pego, Cereixo da Briña, Furnia, Louro, Tea, Caselas, Xuliana, Termes, Deva, Ribadil, Cea.
- Na provincia de Ourense: Avia, Barbantiño.
- No limite de Ourense con Lugo: Búbal.
- Na provincia de Lugo: Asma, Narón, Ferreira, Mera, Narla, Ladra, Támoga, Anllo.
[editar] Afluentes pola marxe esquerda
- En Portugal: Mouro, Gadanha, Coura.
- Na provincia de Ourense: Deva, Arnoia, Barbaña, Lonia, Sil, Sardiñeira, Loio, Neira, Chamoso, Robra, Lea, Azúmara.
[editar] Construcións
[editar] Encoros
[editar] Galería de imaxes
- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes do río Miño
|
Panorámica do Miño desde San Trocado, Punxín |
O río Miño ao seu paso por Portomarín arredor de 1920 |
||
|
O río Miño ao paso polo caneiro do Piago, en Lugo |
[editar] Notas
- ↑ Gran Enciclopedia Gallega, tomo 21, páxina 78, Edición de 1974.
- ↑ Enciclopedia Galega Universal
- ↑ Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
- Ríos de Galicia.
- Regatos de Galicia.
- Concellos de Galicia.
- Galería de imaxes do río Miño.
- Ponte Vella Internacional Tui-Valença.
[editar] Ligazóns externas
- Sobre o río
- Sobre o estado dos embalses miñotos