Reino de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Galicia (homónimos).
Este artigo trata sobre o estado histórico coñecido como "Reino de Galiza" (século V - 1833), para máis información sobre o país actual véxase Galiza.

Reino de Galiza


 
Spqrstone.jpg



século V — 1833
Bandeira Escudo
Bandeira Escudo
Lema: "Hoc hic misterium fidei firmiter profitemur"
Himno nacional: "Marcha Solemne do Antigo Reino de Galiza"
Reino de Galicia

Localización do Reino de Galiza e a súa extensión no século XI (en vermello). Continente europeu (en castaño claro e branco).
Capital Santiago de Compostela¹
Lingua Galego dende o s. IX, e castelán dende o XV.
Goberno Monarquía
Lexislatura Xunta do Reino de Galicia
Historia
 • Establecido século V
 • Disolución 1833
¹Anteriormente en Lugo e outras vilas.
Cronoloxía do Reino de Galiza
409 Os suevos encabezados polo rei Hermerico pactan un foedus con Roma e establécense formalmente na provincia romana da Gallaecia, que pasa a ter rango de reino, con capital en Braga.
438 O rei Requila leva a cabo a expasión sueva pola Lusitania e Bética
448 Morre Requila en Emerita Augusta, o seu fillo Requiario herda o trono.
449 O rei suevo Requiario converte o reino ao catolicismo.
456 Ten lugar a batalla do Órbigo, onde unha coalición de romanos, visigodos e francos derrota aos suevos acabando coa vida do rei Requiario.
457 O herulo Aguiúlfo proclámase rei da Galiza.
457-463 Guerra civil entre os diversos reis suevos que detentan o trono de Braga.
463 Remismundo logra impoñerse sobre os seus opositores e se coroa rei da toda a Galiza.
550 Carriarico, rei de Galiza, converte o reino ao catolicismo.
561 Celébrase o Primeiro Concilio de Braga durante o reinado de Teodomiro
572 Celébrase o Segundo Concilio de Braga, auspiciado polo rei Miro.
583 Fracasa a alianza que o rei Miro mantiña con francos e bizantinos para intervir na guerra civil visigoda.
585 O rei visigodo Leovixildo depón ao rei suevo Andeca, facendose deste xeito co reino. Os visigodos gobernarán Galiza ata o ano 711.
587 Celebrase o III Concilio de Toledo, ao que asisten bispos de Galiza, España e Septimania.
698-702 O príncipe visigodo Witiza goberna Galiza con atribución reais, dende a súa corte en Tui.
711 Desembarca en Tarifa un continxente militar musulmán en apoio dos fillos de Witiza. Derrota e morte do rei visigodo Rodrigo.
714 e 719 España e Septimania son respectivamete tomadas polos exércitos musulmáns. Fin da monarquía visigoda.
711-791 A ausencia da autoridade real, ocasiona que os nobres galaicos comecen a disputarse o control sobre Galiza. Período de conformación dun novo reino cristián na Galiza.
791 Afonso II fixa a capital do reino Galiza na cidade asturiana de Oviedo.
794 Bispos galegos acoden ao sínodo relixioso celebrado en Fráncfort.
818 - 847 Descubrimento dos restos atribuidos ao apóstolo Santiago o Maior.
842 Ramiro I derrota a Nepociano e usurpa o trono de Oviedo.
910 Afonso III é destronado polo seu fillo García que se coroa rei, e instala definitivamente na cidade de León a corte de Galiza.
997 O xeneral musulmán Almanzor saquea a cidade de Compostela.
1027 Morre o rei Afonso V dun frechazo durante o asedio a Viseu.
1037 Morte de Vermudo III de Galiza na batalla de Tamarón, contra casteláns e navarros.
1065 García de Galicia herda o territorio do reino de Galicia (xunto co condado de Portugal e a protección e parias de Badaxoz e Sevilla), volvéndose este independente.
1071 García de Galicia vese obrigado a se exiliar debido á entrada en Galiza do seu irmán Afonso VI, coaligado co outro irmán, Sancho II.
1111 Coroación de Afonso Raimundez como rei de Galiza na Catedral de Santiago de Compostela.
1128 Afonso Henriques independiza o condado de Portugal do reino de Galiza.
1230 Fernando III de Castela usurpa ás súas irmás os reinos de Galiza e León.
1296-1301 O rei Xoán I, restaura a independencia galego-leonesa e se titula rei de Galiza, León e Sevilla.
1369 A vilas galegas proclaman como o seu rei a Fernando I de Portugal, este logra reinar apenas uns meses ata que Henrique de Trastámara ataca Portugal.
1386-1388 Alianza entre nobres galegos e Inglaterra. John of Gaunt, duque de Lancaster é coroado rei en Galiza.
1467-1469 Estala o conflito civil da Gran Guerra Irmandiña.
1483 Execución de Pero Pardo de Cela diante da Catedral de Mondoñedo por orde do Gobernador dos Reis Católicos en Galiza.
1486 Os Reis Católicos viaxan ao reino para constatar o sometemento de todos os nobres galegos.
1518 Mobilización das cidades e vilas galegas para recupera-lo seu voto lexítimo en Cortes.
1623 O reino recupera o voto das cortes reais tras pagar 100.000 ducados.
1808 Formación da Xunta Superior do Reino de Galiza coa fin de defender o reino ante os exercitos napoleónicos. Recuperación de atribucións de autogoberno extraordinarias.
1833 A rexente María Cristina de Borbón-Dos Sicilas, asina o decreto da disolución da Xunta Superior do Reino de Galicia.

O Reino de Galiza foi unha entidade política (século V - 1833) situada no suroeste da Europa, e no noroeste da Península Ibérica que foi evolucionando territorialmente ao longo dos séculos.

Índice

[editar] Territorio e concepto

A Gallaecia pasou de ser unha provincia romana a albergar un reino de mans dos suevos, e destacados autores coetáneos á fin da dominación romana falaban dunha Gallaecia que posuía proporcións moito maiores cá actual Galiza, cuxos límites permanecen practicamente intactos ata o século XII, momento no cal Portugal deixa de pertencer á Galiza e León deixa de selo para cobrar personalidade propia.

Escudo do reino de Galicia ilustrado no L´armorial Le Blancq. Bibliothèque nationale de France. 1560.

O territorio de Galiza nesta época (séculos IV-V d.C.) aparece daquela relatada por numerosos autores da época. Así, o historiador e teólogo galaico-romano Paulo Orosio, a comezos do século V d.C na súa obra Historiarum, explica que Cantabri et Astures Gallaecie provinciae portio sunt[1], é dicir, cántabros e astures forman parte da provincia Galicia, idea que o cronista bracarense Hidacio reflicte de igual xeito no seu Cronicon a mediados do século V d.C, onde denomina Campus Gallaeciae (Campos de Galiza) á gran chaira coñecida hoxe como Terra de Campos, na actual Castela e León. Posteriores autores como Santo Isidoro, no século VII continúan a facer fincapé na extensión de Galicia, xa baixo o dominio visigodo, así na súa obra Etymologiae matiza que "Asturia e Cantabria, son rexións sitas en Galicia", regiones partes sunt provinciarum (…) sicut in Gallicia; Cantabria, Asturia[2].

Estes autores poñen de relevo a polisemia do concepto, por unha banda unha Galiza ampla que incluía o territorio comprendido entre Fisterra ata a actual A Rioxa[3], onde se atopaban galaicos, astures e cántabros entre outros, mais tamén a existencia dun territorio que non sendo nin astur nin cántabro era a propia Galiza. Tal concepción interna mantívose séculos despois, sendo apreciable na documentación medieval que lle daría o nome a todo o noroeste peninsular ata o século XII[4].

Coa chegada dos suevos dende Centroeuropa entre os anos 409-411 d.C.[5], Galiza deixa de ser unha provincia romana (Gallaecia)[6], para converterse finalmente nun reino coa corte fixada en Braga, un reino que os suevos tentarán axiña acrecentar polo sur a expensas do Imperio Romano, incorporando ó seu dominio e de xeito permanente boa parte da parte da provincia romana de Lusitania, chegando a facerse temporalmente coa capital, Emerita Augusta (Mérida)[7], no ano 439, e mesmo tomando Sevilla (441), cidades que finalmente son abandonadas trala reacción visigoda, culminada coa batalla do río Órbigo.

Trala batalla de Vogladum no ano 507, os visigodos son expulsados da Galia (agás da Septimania) polos exércitos francos que lideraba o rei Clodoveo I. Despois do século VI, o nome da España (Hispania) vai deixar de designar xeograficamente á Península Ibérica para referirse unicamente ó territorio gobernado polos visigodos. Pola súa banda, Galiza (Gallaecia) -gobernada por un monarquía sueva- vai asumir do mesmo xeito esta nova diferenciación xeográfica individualizándose da España (Hispania)[8]. A fin das monarquías sueva e visigoda non cambiarían xa esta nova concepción da Península Ibérica, que quedaba repartida así en dúas entidades xeográficas, Hispania e Gallaecia, manténdose do mesmo xeito durante máis de cinco séculos, diferéncianse unha da outra con fórmulas tales como Galletiam et Ispaniam[9],Hispaniae et Galiiciae[10], Hispaniis et Gallicis regionibus[11], presentes ó longo de toda a Idade Media[12].

A comezos do século XII, a ampla Galiza comeza a fragmentarse, decisivamente no ano 1128 coa independencia de Portugal, e que acabará por excluír a León (con Asturias e Estremadura) e a Castela da antiga demarcación galega, tornándose en reinos propios nun lento proceso de particularización. A finais do século XII, Galiza, León, Castela e Portugal xa son reinos diferentes con personalidade propia.

[editar] Historia

[editar] A monarquía sueva

Artigo principal: Reino Suevo.
Teodomiro (ou Ariamiro), rei de Galiza cos bispos Lucrecio, André e Martiño. Códice Vixiliano.

A orixe do reino atópase no século V d.C., cando os suevos definitivamente se asentan na antiga provincia romana chamada Gallaecia. Estes, encabezados polo seu rei Hermerico, fixarían a súa corte na antiga Bracara Augusta, creando así o que se chamaría regnum suevorum, "regnum galliciense" ou Reino Suevo, comezando o seu reinado no 409. No 449 o primeiro rei suevo nado en Galiza, Requiario (fillo de Requila, neto de Hermerico), decide converter o reino en católico, ó igual que a maioría da súa poboación, aínda que do 465 ao 550 volveríase ó arrianismo.

Un século máis tarde as diferencias entre os nativos galaicos e os suevos comezarían a desaparecer, este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ó reino nese momento como Galliciense Regnum[13] (Reino Galego), e ós reis indistintamente coma Regem Galliciae[14] (rei de Galicia), Rege Suevorum (rei dos suevos) ou Galleciae totius provinciae rex[15] (rei de toda a provincia de Galicia), mesmo os bispos coma Martiño de Dumio serán recoñecidos coma episcopi Gallaecia[16] (bispos de Galicia). Todo isto propicia que no século VI d.C., poidamos xa falar da existencia do Reino de Galiza.

[editar] A monarquía visigoda

Artigo principal: Galicia na monarquía visigoda.

No ano 585, Leovixildo, rei visigodo de Hispania e Septimania, consegue rematar coa independencia política que os reis suevos mantiveran en Galiza dende o ano 409, derrotando ó derradeiro rei suevo, Andeca. Deste xeito, o territorio da chamada entón Gallaecia, pasa a formar parte da órbita de poder de Toledo, dende onde os monarcas visigodos exercían o seu poder tras seren expulsados da Galia polos francos.

Mapa político do Suroeste europeo arredor do ano 600 d.C onde se reflicten tres diferentes territorios baixo goberno visigodo; Hispania, Gallaecia e Septimania.

A organización territorial herdada de séculos anteriores non muda, e mesmo as elites culturais, relixiosas así como aristocráticas aceptaron ós novos monarcas, que se ben tiñan a súa corte en Toledo, asumían o control político de tres antigos reinos; Hispania, Septimania e Gallaecia, de xeito que nos concilios relixiosos como o realizado en Toledo no ano 589 estaban presentes episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae[17] é dicir, "bispos de toda España, Galia e Galiza", esta concepción tripartita atópase ao longo do goberno visigodo dende o ano 585, diferenciando mediante diversas fórmulas as tres entidades visigodas nos documentos como: fines Spanie, Gallie, Gallecie[18] ou Spaniae et Galliae vel Gallitiae[19] entre outras. Destaca neste contexto a figura de San Froitoso, bispo galaico de ascendencia visigoda[20], famoso polas numerosas fundacións levadas a cabo por el en todo o occidente peninsular, case sempre en lugares agochados nas montañas e mesmo illas, sobresaíndo a súa austeridade[21].

A crise final visigoda remontaría ó reinado de Éxica. Este monarca declarou herdeiro ó seu fillo Witiza e xa en vida asociouno ó trono, no ano 698, pese a que a lei visigoda obrigaba á elección dun novo rei e non á transmisión hereditaria. Dita asociación consistiu en entregarlle o goberno da Gallaecia, exercendo como rei con capital en Tui. Witiza vai ser rei da Gallaecia cando menos ata a morte do seu pai, o que supón unha situación novidosa nesta etapa final e conflitiva da monarquía visigoda, evidenciando a actividade política que Galiza conservaba cen anos despois da fin da monarquía sueva. No ano 702 coa morte de Éxica, Witiza asume tamén o goberno de Hispania, trasladándoo a Toledo onde gobernaría ata o ano 710. Trala súa morte, un sector aristocrático visigodo impediu a subida ó trono do seu fillo Axila, impoñendo pola forza a Rodrigo, o que supuxo un irresoluble conflito civil entre os seus partidarios e os dos fillos de Witiza. Será no ano 711 cando os inimigos de Rodrigo logren que un exército musulmán cruce o estreito de Xibraltar e presente batalla a Rodrigo en Guadalete, onde este é derrotado, fito que marca a fin do goberno visigodo en Hispania, e que terá unha transcendencia histórica total para as dúas restantes entidades políticas: Gallaecia e Septimania.

"Finalmente, cando a ocasión foi propicia, o pai, Leovixildo, asasinou ó seu fillo maior. Logo da morte de Miro, rei de Galiza, o seu fillo Eurico e o seu xenro, chamado Audeca, do reino co que estaba a loitar, Leovixildo subxugou ós suevos e a todos os de Galicia baixo a potestade dos godos".
Fredegario Chronicon, cit., III. p 116. Ano 658-660.
Triente bracarense de ouro, acuñado na Gallaecia a finais do século VII, durante o goberno do visigodo Witiza.

No ano 715 Abd al-Aziz ibn Musa toma por esposa á viúva de Rodrigo, chamada Exilona titulada reginam Spanie[22], confirmando a continuidade dinástica, transferida así lexitimamente ó gobernador musulmán. Con este feito os gobernantes musulmáns consideráronse politicamente continuadores do anterior estado e asumiron os atributos detidos antes polos reis visigodos de Toledo. Deste xeito, coa conquista de toda Spania polos musulmáns, alén das súas fronteiras, os emires cordobeses serían coñecidos co título de rex Spanie[23]. A partir dese intre comeza unha nova concepción xeográfica, pois España vai ser o nome co que se designe ó territorio musulmán, e Galiza ó territorio cristián. Así o historiador Al-Maqqari deixa claro a extensión do dominio musulmán ó referirse a conquista de comezos do século VIII:

Non quedou lugar sen dominar en Al-Andalus se exceptuamos o país de Galicia[24].

[editar] A formación da nova monarquía galaica

Crónica Albeldense ou Codex Conciliorum Albeldensis seu Vigilanus é un manuscrito medieval, ademais dunha crónica histórica que vai desde época visigoda ata o ano 883.

Trala caída das provincias de Hispania no ano 714, e da Septimania no 719, baixo dominio musulmán, a Gallaecia vai ser a única entidade xeográfica na Península ibérica que apenas coñeza a pegada musulmá, tal e como nos recorda o humanista alemán Georgius Agricola en 1538; Eodem anno Saraceni resarturi perpessa malae, cum ingenti exercitu in Hispaniam irruunt omnem terram excepta Gallicia depopulantes ("Neste ano (720) os Sarracenos resarcíronse dos males sufridos, irrumpindo en Hispania cun exército inxente e despoboando todas as terras agás a Gallaecia")[25], mantendo intactas e en plena evolución histórica as súas estruturas socioeconómicas herdadas do pasado galaico-romano e suevo[26]. Así atopámonos cun territorio dende o Mar Cantábrico ata o río Douro, que xa non se atopa ligado ó goberno visigodo desde Toledo, nin tampouco ó seu herdeiro político o Emirato Omeia de Córdoba, en última instancia supeditado a Damasco. A decadencia e a final desaparición do estado visigodo, supón un baleiro de poder central, é dicir, a culminación da dependencia política dos pobos do noroeste respecto Toledo, propiciando que os nobres locais da Gallaecia; galegos, astures e vascos do momento, emerxan con forza dende os seus señoríos, que tentarán acrecentar ben pola vía da diplomacia, mediante pactos e matrimonios, ben pola vía das armas procurando impoñerse ante os demais.

En contraste e a pesar da aparente convulsión política de comezos do século VIII, a rede eclesiástica galega non sufriu alteracións demasiado profundas, e mentres Asturias continuou carecendo de sé episcopal ata finais do século IX, Galiza mantivo unha total continuidade relixiosa dende época galaico-romana polo menos en tres dioceses: Lugo, Britonia-Mondoñedo, e Iria, onde os seus bispos residiron ininterrompidamente nas súas respectivas sés, e nominalmente noutras cinco máis: Braga, Ourense, Tui, Lamego e Dumio. De certo, ante a inseguridade político-relixiosa, os bispos destas dioceses residiron noutras sés, de feito en Lugo acolléronse temporalmente ós bispos de Braga e Ourense, na diocese de Iria ós de Tui e Lamego, e en Britonia-Mondoñedo ó de Dumio.

Este contexto é de difícil interpretación histórica para o estudo das institucións políticas principalmente pola carencia dunha documentación propia da época (séculos VIII e IX). A primeira mención a un personaxe con atribucións señoriais despois da derrota visigoda atópase nun documento do ano 812, denominado Testamentum Regis Adefonsi (testamento do rei Afonso) onde se describe a un nobre de nome Paio (Pelagius), que tería loitado na rexión de Asturias nunha revolta contra o poder musulmán en Covadonga posiblemente señor do territorio onde se sitúa Cangas de Onís onde tería vivido arredor do ano 710, sendo o ciclo cronístico de Afonso III o que o describa con maior detalle pese a ser posterior.

Igrexa de Santa Comba de Bande, construída a finais do século VII, mantívose cando menos en activo ata comezos do século VIII, e restaurada no ano 872 por Odoario.

Chama a atención que nas crónicas como a Bizantino-arábigo ou a Crónica Mozárabe, redactadas nos anos 741 e 754 respectivamente, non se mencione nin á figura de Paio nin da súa revolta en Covadonga[27], o que segundo autores actuais pon en dúbida seriamente a relevancia ou a propia existencia do mesmo Paio e do mito de Covadonga. No veciño Al-Andalus asi coma no mundo arábigo atopamos referencias a estes acontecementos, talvez baseado na idea de que Paio fora fillo do duque Fáfila na corte galega de Witiza en Tui, a compilación de textos chamados Ajbar Machmúa relata o seguinte:

Os galegos, aproveitando a contenda civil entre os musulmáns de mediados do século VIII, subleváronse contra o islam e apoderáronse de todo o distrito de Asturias[28]

Pola súa banda, tamén Al-Maqqari fai mención a isto: Di Isa ben Ahmad Al-Razi que en tempos de Anbasa ben Suhaim Al-Qalbi, ergueuse en terras de Galiza un asno salvaxe chamado Belai, se ben é certo que estas do mesmo xeito que as crónicas cristiás foron escritas máis de século e medio despois destes supostos acontecementos.

As referencias máis descritivas deste nobre chamado Pelagius, chegan a finais do século IX, onde son numerosas as orixes que se lle adxudican dende as tardías crónicas cristiás. Para a Crónica Albeldense, Paio era neto de Rodrigo, derradeiro rei visigodo de Toledo, para a Crónica Rotense foi escollido en concilium polos propios astures[29] como obrigaba a lei electiva visigoda, e para outras fontes foi mesmo descendente do propios Leovixildo e Recaredo ou fillo do duque visigodo Fáfila que tería servido ó rei Witiza na súa corte galega, en Tui. En calquera caso o único que se pode afirmar é que a figura de Paio, convertida en mito, posiblemente se baseara nun dos moitos señores cristiáns da Gallaecia nese momento, tendo unha relevante importancia no denominado Regnum Asturorum ou a rexión dos astures (as terras entre as actuais Asturias e Cantabria) a comezos do século VIII, desde a súa modesta corte en Cangas de Onís, algo que non entra en desacordo co relato do musulmán Al-Maqqari que o describe como: "un infiel chamado Belai, natural de Asturias en Galiza"[30]. Este sería sucedido polo seu fillo chamado Fáfila, pero por curto espazo de tempo.

[editar] Orixe e consolidación do reino cristián

Mappamundi da obra Etimoloxías, realizado no ano 946, amosa a división política existente na Península Ibérica entre Galicia e España (parte inferior).
Razzias musulmás en territorio galaico
Antes da chegada de Almanzor as incursións de tropas musulmás en territorio galaico foron moi esporádicas. A presenza musulmá foi pouco significativa, feito que queda atestiguado co silenzo que garda a Crónica de 754 (relato contemporáneo) respecto a Galiza.
O historiador Al-Maqqari, nunha recompilación do século XVII, nomea Lugo dúas veces: como enclave conquerido por Musa ibn Nusayr (714) e como cidade dende a que ibn Nusayr é reclamado por segunda vez polo califa Al-Walid, e comeza o seu regreso a Damasco. Este último feito fora recollido na crónica elaborada en Bagdad cara ó 1231 por Ibn al-Atir.

Despois do abandono dos bérberes das posicións galaicas (ata onde chegaran, segundo o Ajbar Maymu'a, como consecuencia dunha rebelión en territorio de Al-Ándalus), os musulmáns non visitan Galiza ata o reinado de Froila I. Segundo a Crónica de Afonso III (nas dúas versións), o rei enfrontouse e venceu ós musulmáns no lugar de Pontubio.

  • No ano 791 as tropas de Yusuf ben Bujt internáronse en Galiza, e despois de devastar o territorio sairon camiño de Astorga, no Bierzo atoparon e derrotaron as tropas de Vermudo I.
  • No 795 dous exércitos de Hisam dirixíronse a Asturias e Galiza respectivamente, resultando este último derrotado.
  • No 808 unha nova razzia musulmá, dirixida por Hiam, o fillo do emir, alcanza territorio galaico.
  • No 825 dous exércitos mandados respectivamente polos irmáns Malik e Al-Abbas foron derrotados en Narón (Portomarín) e Anceo.
  • No 838 Al-Walid ibn Al-Hakam saquea territorio galego.
  • En xuño de 840 o propio emir Abd-al-Rahman II alcanza terras galegas, e no ano seguinte o seu fillo Mutarrif volve a estas terras. É a última vez antes de Almanzor que as tropas de Al-Ándalus fan unha razzia en territorio galaico.[31]

Coa morte de Fáfila, as crónicas afonsinas relatan a entrada dun señor territorial chamado Afonso, de orixe cántabra, que se tería casado coa irmá de Fáfila ampliando con isto os seus dominios. Así o pequeno reino/señorío iniciado por Paio medra pola vía matrimonial perdendo a súa condición estritamente astur, para ser unha entidade onde o carácter cristián, e sobre todo o mesmo marco xeográfico, serán os puntos de unión entre estes señores cantabro-astures que irán acrecentando e unificando con outros territorios o seu propio dominio. Pasamos así dun pequeno reino/señorío no oriente asturiano, a un territorio maior que será co tempo autoproclamado como Regnum Christianorum, ou reino dos Cristiáns, pois foi o factor relixioso, libre de vasalaxe directa a Córdoba, un importante pretexto para a integración dos distintos pobos de toda a Gallaecia.

As crónicas explican esta expansión territorial por medio de "repoboacións", suxerindo que Afonso I, repoboou: "Asturias, Primorias, Liébana, Trasmiera, Sopuerta, Carranza, Bardulia e a parte marítima de Galicia". Non obstante, a análise arqueolóxica e documental ten demostrado en datas recentes que todo o norte e noroeste peninsular foi habitado sempre polas mesmas xentes, logo, debemos entender tal afirmación non como un repoboamento de xentes sobre unha terra deshabitada, senón como un ordenamento baixo un poder señorial, é dicir baixo a esfera de influencia de Afonso I sobre uns territorios que vivían á marxe dunha autoridade estatal superior.

No ano 757 Afonso I é sucedido polo seu fillo Froila, despois de que este asasinara ó seu irmán Vimara nas disputas por herdar o trono paterno[32]. Este acrecentou os dominios dos seus proxenitores alén do cordal Cantábrico, tendo que facer fronte a numerosas revoltas, pois non todos os nobres galegos aceptaron de bo agrado a súa autoridade, como amosa a redacción rotense da Crónica de Afonso III onde di:

Ós pobos de Galicia, que contra el se revelaron, venceunos e someteu a toda a provincia a forte devastación.[33]

Despois de once anos de goberno, Froila é asasinado por un sector da nobreza que se lle opoñía. Porén, non foi o seu fillo Afonso, o que máis tarde sería coñecido como Afonso II, o que lle sucedeu, pois un nobre de nome Aurelio accedeu ó trono apoiado por un sector aristocrático afín política ou territorialmente a el, desprazando a Afonso II do goberno[34]. A orixe de Aurelio, quen gobernaría entre os anos 768 e 774, é incerta como a maioría destes "princeps" ou señores con atribucións reais, un enigma histórico. As dúas redaccións da Crónica de Afonso III veñen coincidir practicamente no mesmo, tivo que facer fronte a unha rebelión campesiña, concretamente a Crónica Rotense explica: "No seu tempo os homes de condición servil erguéronse en rebelión contra os seus señores, mais, vencidos pola dilixencia do rei, foron reducidos á antiga servidume", poboación campesiña local que foi entrando en dependencia nos dominios agrarios da nobreza e da Igrexa, e oposta polo tanto ó proceso de restauración da autoridade dos monarcas, entendida esta nun sentido político-institucional.

Miniatura medieval de Alcuíno de York, lider intelectual da corte de Carlomagno, participou cos bispos galegos no sínodo de Fráncfort contra o adopcionismo.

Morto, Aurelio, un novo nobre de nome Silo (774-783), toma por esposa a Adosinda[35]. O feito de que o lexítimo herdeiro Afonso, continuara a non poder acceder ó trono, fai pensar a numerosos autores que Silo contou coa axuda da mesma facción nobiliaria que apoiou a suba de Aurelio[36]. Del, consta que era un, "alleo á terra"[36], e polo feito de instalar en Pravia a súa corte, é dicir, levala dende o oriente asturiano ata o occidente, e de posuír terras no oriente galego[37], parece que a súa orixe se situou nas terras occidentais de Asturias e orientais de Galiza. O Diploma do rei Silo, que asegura que o príncipe Silo tiña propiedades nas proximidades da cidade de Lugo, reforza a tese da súa orixe occidental. Se ben é coñecido con manter a paz con Spania[38], tamén este soberano tivo que facer fronte no seu reinado a unha revolta dos pobos galegos, continuación sen dúbida das habidas contra os reis Froila I e Aurelio. Así o cronista Sebastián conta: "Ós pobos de Galicia que se rebelaron contra el, venceunos en combate no Monte Cubeiro e someteunos ó seu imperio"[39]. Con seguridade a natureza desta rebelión sexa a mesma das anteriores; é dicir, a oposición á integración forzosa nunha estrutura estatal superior[40].

Novamente á morte de Silo, accede outro señor territorial, Mauregato (783-788), que se rebela contra os oficiais de palacio, apoderándose do reino de Silo facendo que Afonso II se teña que exiliar en terras da súa nai, a vasca Munia[40]. As crónicas afonsinas omiten ás veces o seu reinado, e a maioría fanno tirano e usurpador[40]. Non obstante, o seu reinado foi contemporáneo da fabricación dun himno apostólico a Santiago, e da importante querela adopcionista. Finalmente, sube ó trono Vermudo I, sobredito o Diácono, entre os anos 788 e 791 tras suceder a Mauregato. Algúns autores apuntan á Galiza propiamente dita, como posible berce da súa nai[41], o que sumaría apoios no occidente do reino, e de feito o acceso ó poder sen ningún tipo de dificultade fai supoñer ós investigadores que contou co apoio da mesma nobreza que apoiou a Mauregato no cumio do poder[42]. As crónicas afonsinas explican a súa vinculación familiar con Aurelio, facéndoo irmán deste, e finalmente remontando a súa orixe ó dux visigodo Pedro, tampouco faltan documentos medievais que aseguran que casou cunha aristócrata galega chamada Ursinda, neta do conde Sisebuto de Coimbra e filla do rei visigodo Witiza, pois existía a necesidade ideolóxica de facer entroncar a estes señores territoriais co pasado visigodo para dotalos de poder lexítimo, unha constante neogótica. O que con certeza si sabemos, é que no ano 791 deixa de gobernar, sendo sucedido por Afonso II, quen si presenta auténticos atributos reais e cuxo goberno é de especial importancia para Galiza.

[editar] Afonso II e tumba apostólica

Carlomagno (esquerda) e Pipino O Xiboso. Copia realizada no século X, dun manuscrito orixinal de arredor do ano 830.

Tras un período de conflitividade entre os diferentes princeps astur-galaicos, co reinado de Afonso II acontece un importante cambio político, pásase dunha anexión forzada á integración pacífica dos populos Gallecie (pobos de Galiza) no seo da Coroa. Sen dúbida o reinado de Afonso II supuxo un importante avance no proceso de consolidación da institución Monárquica, o cal fixo pensar a máis de un que debeu ser beneficioso para o conxunto os intereses propiamente galegos, de feito este monarca pasou a súa infancia sendo educado en Samos, talvez na familia dun poderoso magnate galego, que adoitou acontecer con moitos dos reis sucesores. O certo é que semella haber unha coincidencia de intereses políticos cos galegos, tales como dous acontecementos históricos de grande relevancia na súa época, como son as relacións de toda a Galiza co reino franco e a crise relixiosa provocada pola querela adopcionista, iniciada presumiblemente na época de Mauregato e que se prolongou nos reinados de Vermudo I e o propio Afonso II. Dous feitos históricos de suma transcendencia dos que falan os anais carolinxios e que silenciaron interesadamente os cronistas de Afonso III (866-910).

Deste xeito, mentres as Crónicas do ciclo afonsino agochan os contactos políticos establecidos entre os monarcas galaicos e os carolinxios, as fontes francas confirman a asistencia de bispos de Galiza ó sínodo de Ratisbona no ano 782, e tamén ó concilio de Fráncfort, onde asistirón bispos de Italiae, Galliae, Gothiae, Aquitaniae, Galleciae[43] (de Italia, da Galia, de Gotia, da Aquitania, de Galicia) no ano 794 o de maior relevancia de todos os celebrados nos tempos de Carlomagno, pois nel tratouse o tema do adopcionismo, que afectaba á unidade relixiosa de Occidente. Asemade, os anais francos dan cumpridas novas do envío de embaixadas por parte de Afonso II o Casto, que é coñecido tanto nos Annales Regni Francorum así como na Vita Karoli Magni como Hadefonsi regis Galleciae et Asturiae[44] é dicir, rei de Galiza e Asturias ou mesmo coma Galletiarum principis[45] (príncipe das Galicias) segundo a Vita Hludovici e rex Gallaeciae[46] segundo o cronicón medieval de Hermann de Reichenau, escrito no século XI. En todo caso, as relacións entre Carlomagno e este monarca deberon ser moi estreitas, pois o cronista Exinardo na Vita Karolis afirma que cando Afonso II enviaba mensaxeiros ou cartas ó rei dos francos, quería ser chamado propriu sunn, é dicir, o seu vasalo.

Con todo, o feito máis salientable é que no seu reinado producíuse a descuberta ou "invención" da tumba dun dos doce apóstolos de Xesús Cristo, Santiago o Maior. Tal acontecemento sucedeu no lugar chamado Compostela, e da man do bispo Teodomiro da diocese de Iria, con toda a carga político-relixiosa que este feito histórico ten nun momento no que a monarquía estaba a necesitar de símbolos integradores.

Furna de prata onde repousan os restos de Santiago o Maior. Catedral de Santiago de Compostela.

Na idade media "o culto a un santo ben podía axudar a moldear un reino", e así Afonso II decide construír unha igrexa, que se ben non foi unha obra de grande envergadura, supuña a primeira pedra do que máis tarde sería a alfaia do románico europeo.

A pesar do casual desta decuberta, a maioría dos historiadores contemporáneos ven neste feito unha "invención" con claros fins políticos así coma relixiosos, principalmente motivados pola crise relixiosa do adopcionismo que conlevaría a creación dunha igrexa nacional na Gallaecia, independente da mozárabe con sé en Toledo, da que estaba ligada dende a fin do poder suevo en Braga. Os partidarios desta postura opinan pois, que a invasión musulmá foi o factor de base que explica a descuberta da tumba do apóstolo Santiago en Galiza, e non en Hispania; porque foi a antiga provincia romana de Gallaecia a única que ficou á marxe da marea musulmá que asolagou a Península Ibérica por volta do ano 711. De feito, esta descuberta ou "invención" do sartego tivo lugar no reinado de Afonso II (791-842), pero foi no período inmediatamente predecesor cando se puxeron as bases ideolóxicas do que ía ser, de contado, o achado "casual" do edículo compostelán polo bispo Teodomiro de Iria, entre o 818 e 847. Tanto Mauregato coma Vermudo I son contemporáneos da querela adopcionista, dos "Comentarios á Apocalipse", atribuídos a Beato de Liébana, e da fabricación do primeiro Himno litúrxico específico en honor de Santiago, que se asocia co rei Mauregato a través dun acróstico.

Así mesmo estableceu en Oviedo a capital do reino, primando na eleción o feito de que lugar era propiedade persoal do monarca, e fundamentalmente a ausencia previa dunha sé episcopal que recurtara o seu goberno na cidade. Así pois, Afonso II converteuse no primeiro rege oventese[47], dominando toda Galiza dende a cidade de Oviedo. Non obstante, é común a suplantación da súa titulación ovetense pola de rei de Asturias, denominación esta, acuñada na España do século XIX polos primeiros historiadores romanticistas como Modesto Lafuente[48] en pleno período de creación do nacionalismo español contemporáneo[49], mantendo gran vixencia na actualidade.

[editar] Período e liñaxe ramirense

Actual igrexa de Santa María do Naranco. Antigo pazo real de Ramiro I nos arredores de Oviedo. s. IX d.C.

O fundador da dinastía dos Ramírez, Ramiro I (842-850), pasou á historia como un monarca enérxico: os cronistas o intitularon Virga Iustitiae (verga da xustiza), dado que derrotou con brevidade a aqueles que se lle rebelaron[50]. Porén, paradoxicamente el mesmo accedeu ó trono encabezando unha revolta contra o heredeiro lexítimo, o nobre de palacio chamado Nepociano, cuñado de Afonso II o Casto, que contaba co apoio da nobreza oriental da antiga Gallaecia, tal e como informan a crónica albeldense e rotense[51].

Como nos conta o ciclo cronístico, Ramiro I que se atopaba na procura de esposa na Bardulia, tivo que regresar ó extremo occidental da Gallaecia, concretamente ós arredores de Lugo, para atoparse cos aristócratas galegos, partidarios seus que o apoiaban para acceder ó trono e depoñer a Nepociano. Unha vez reunido un imporante continxente militar de galegos, dirixíuse dende Lugo ata Asturias.

Cando o príncipe Ramiro enterouse do que pasaba, refuxiouse nas partes de Galiza e na cidade de Lugo reuniu un exército. Máis, despois dun breve espazo de tempo, partiu contra os astures[52]
Flota de naves escandinavas, posiblemente danesas, representadas nun manuscrito do século XI.

De camiño a Oviedo, producíuse a primeira confrontación entre el e Nepociano, concretamente no lugar de Curniana na ponte sobre o río Narcea, onde o exército galego derrota ós astures e vascos, coa fuxida de Nepociano do campo de batalla, como nos conta a Crónica Ovetense, Cui Nepotianus occurrit ad pontem fluuii Narcea adgregata manu asturiensium et vasconum[53]. Será no ano 842 cando finalmente xa en Oviedo, logre impoñer o seu goberno sobre a rexión de Asturias.

A confrontación entre Ramiro e Nepociano supón unha guerra civil, apoiada nos particularismos territoriais. Ramiro I, contou co apoio militar de dous importantes condes galegos: Sonna e Escipión, pese a isto non houbo intención algunha de crear un trono na parte occidental, na Galiza propiamente dita, senón de arrebatar o trono xa asentado en Oviedo. Mostra disto semella ser a erección dun pazo en Naranco, a escasos quilómetros da corte ovetense, que segundo un recente estudo da Universidade de Oviedo, posiblemente servíu como corte alternativa destinada á recepción e actos xudiciais onde Ramiro e os seus partidarios teríanse asentado antes de acometer a captura de Nepociano.

Ramiro I logrará consolidarse no trono sendo a cabeza indiscutible dunha dinastía, que se pode deseñar dende os tempos de Vermudo I o Diácono, e que se sucederá por liña masculina ata ben entrado o século XI. A maioría dos historiadores coinciden en sinalar a importancia para Galiza de que o candidato da súa aristocracia fora o vencedor, así Ramón Menéndez Pidal opinou que "con Ramiro I foi Galiza quen prevaleceu no seo da monarquía"[54], conclusión parecida á que chegou Vicente Risco cando apunta, na súa Historia de Galicia, que "a partir de Ramiro I iniciouse un predominio de Galicia no seo do reino occidental"[55]. Ademais, con este monarca iniciarase un estirón territorial que soamente rematará a finais o século IX coa integración das cidades e terras da bacía do Douro. A partir do reino de Ramiro I, comeza unha sucesión patrilineal, de pais a fillos.

Así pois, o seu fillo herdeiro, Ordoño accede ó trono á morte de Ramiro, no ano 850, será coñecido como Ordoño I, mortuus est Ranimirus filius Veremudi rex Gallecie et filius eius Ordonius successit in regno[56] (morto Ramiro, fillo de Vermudo rei de Galiza, sucedeuno o seu fillo Ordoño no reino), tal e como conta o castelán Rodrigo Ximénez de Rada no século XII. Pese á brevidade do seu reinado que duraría dezaseis anos, foi quen de espallar a súa autoridade rexia ata León, Astorga, Tui e Amaia Patricia segundo as crónicas de Afonso III[57]. Durante o seu reinado, Galiza víuse atacada por unha vaga de incursións normandas que serían derrotadas polo conde Pedro[58]. Con Ordoño I iníciase o gran proceso de expansión terrotorial da segunda metade do século IX, que levará a incorporación para o Christianorum Regnum da Galiza meridional, laboura que completará o seu fillo Afonso III[59], neto de Ramiro I.

[editar] O reinado de Afonso III e o neogoticismo

Coa morte de Ordoño I no ano 866 iniciaba o seu reinado Afonso III, con este monarca acadouse unha sensible afirmación do aparato político que con tantas dificultades se fora mantendo ó longo do século IX. Son dous os acontecementos políticos máis salientables a destacar durante o seu reinado; por unha parte na segunda metade do século IX acadouse a incorporación para os dominios do Regnum Christianorum, dos territorios situados entre Miño e Douro, e pola outra banda a elaboración dos artefactos ideolóxicos necesarios para consolidar a súa lexitimidade política e os alicerces do nacente estado.

Mapa político do Noroeste da Península Ibérica no ano 891.

Este último punto, vai ser a innovación máis importante que leve a cabo o seu reinado, así os esforzos de Afonso III por impoñer a lexitimidade da súa preminencia política orientáronse a demostrar a existencia dunha liña hereditaria precedente ininterrompida non só ó longo dos séculos VIII e IX, senón inclusive remontando ata o ano 711 para entroncar directamente cos reis anteriores, é dicir, cos visigodos, dos que así lograba ser considerado sucesor natural por herdanza lonxana. Para tal empresa, foi preciso crear (fose ou non certa) unha secuencia de reis capaz de encher o baleiro histórico do século VIII, e ademais facelos a eles partícipes deste mesmo convencemento dos antecedentes visigodos, ideoloxía que recibe o nome de neogoticismo.

Así, baixo o mandato de Afonso III redáctanse nos círculos próximos á Corte dúas crónicas: a Albeldense, redactada entre os anos 881 e 883 (se ben as únicas copias das que actualmente se dispoñen son de finais do século X) e a coñecida como Crónica de Afonso III, desta existen dúas versións, a chamada Sebastianense e a Rotense.

Nesta última chégase a poñer en boca de Paio a expresión Spes nostra (...) sit Spanie salus et Gotorum gentis exercitus reparatus (a nosa esperanza de salvar España e restaurar o exército godo). Con este ciclo cronístico, Afonso III pretendeu facer fincapé na baza relixiosa e cristiá que compartian o antigo estado visigodo e a nova monarquía nacente na Gallaecia, en contra do poder establecido en Córdoba. Estas crónicas fan entroncar persoalmente a Paio con antigos monarcas visigodos, unha estudada e interesada liña sucesoria que de calquera xeito tería sido aínda de menor lexitimidade cá de Abd al-Aziz ibn Musa, casado coa derradeira raíña visigoda, Exilona, e por tanto lexitimo señor de Spania.

Os monarcas ovetenses e os seus predecesores, por tanto, foron considerados intencionadamente polas crónicas afonsinas como restauradores do reino visigodo grazas á rebelión iniciada en Asturias, transmitíndose o legado da monarquía toledana a Oviedo coa axuda da “provindencia”. No entanto, os indicios históricos (arqueolóxicos e documentais) demostran sobexadamente a falsidade desta manipulación interesada, chegando a rotense a afirmar que ó mesmo tempo foron repoboadas a propia Asturias e zonas marítimas de Galicia, unha irracionalidade que pretendía presentar un territorio despoboado e baleiro, totalmente lonxano da realidade, e adxudicando a súa restauración a reis antecesores, que nunca exerceron tal feito. O neogoticismo constituíu o ingrediente máis recoñecido das crónicas da época de Afonso III, introducindo un mito duradeiro no tempo, que sería, ben por ignorancia ben por interese, considerado como fonte fidedigna por numerosos autores españois dende o século XIX.

[editar] Traslado da corte á cidade de León

"E enviou o Rei Abderahman ó seu Wazir Ahmed ben Sahid cos mandadeiros de Galicia, para saudar no seu nome ó rei Ramiro, e foi o Wazir á Medina Leionis (León) capital de Galicia, e son cristiáns como os de Afranc de seita Melkita; axustáronse treguas por cinco anos, e foron moi ben gardadas."
—(Extracto de Manuscritos e Memorias arábigas, Capítulo LXXXII, José Antonio Conde, 1820.

A consolidación da monarquía galaica propiciou que arredor do ano 910 os monarcas decidisen trasladar a corte dende Oviedo ata León. Sen dúbida foron decisivos os factores económicos na decisión, tratábase de impulsar os itinerarios da circulación humana e comercial que conectaban con Francia e coa España musulmá, aproximándose economicamente a esta última de xeito importante. A cidade de León, sita en Galiza dende o Imperio Romano supoñía un importante enclave, confluíndo no eixo Astorga-León dúas importantes rutas; por unha banda a vía que unía a antiga capital sueva, Braga coa cidade gala de Burdeos, e por outra a ruta da prata, que chegaba a Galiza dende Spania, pasando polas cidades de Sevilla e Mérida. O feito de que León carecera de bispo e señores feudais —non así na veciña Astorga- ó igual que acontecera con Oviedo, facia daquel antigo asentamento militar romano unha encrucillada idónea para asentar a nova corte.

Como consecuencia do traslado do trono, os reis de toda Galiza deixaron de empregar o título de ovetense para se titularen legionense, é dicir "de Legio", aludindo á cidade de Legio (actual León), na que recaía a nova sede rexia. León, unha cidade estratexicamente útil situada na Galiza altomedieval como destacaban os propios cristiáns in civitate que vocitatur Legio, territorio Gallecie[60] (na cidade que chaman León, territorio de Galiza) ou in Legione de Galletia[61] (en León de Galiza) e musulmáns, convertíase a comezos do século X na nova capital de Galiza.

Psalterio de Londres, mapamundi inglés onde se representan as nacións coñecidas, na parte inferior recoñecense as situacións de "Galicia" e "Hispania". Século XII.

[editar] Contenda civil do século X

O derrocamento do goberno de Afonso III polos seus fillos no ano 910, sería o preludio dun longo período de inestabilidade política, na que diferentes faccións da familia real loitarán entre si por obter o goberno da capital, León, e en xeral de toda Galiza, apoiados por diferentes grupos arisctocráticos territoriais que tentarán impoñer o seu peso político na capital e no conxunto do reino. Despois do derrocamento de Afonso III polo seu fillo maior, García, este imponse en León, como rei de toda Galiza, pola súa banda a aristocracia propiamente galega respaldará a Ordoño, fillo segundo de Afonso III e casado con Elvira, e finalmente o terceiro fillo, Froila gobernará as terras asturianas, é dicir, as terras entre o cordal cantábrico e a costa.

A relación entre os irmáns son estritamente feudais, García goberna toda Galiza dende León, o seu irmán menor Ordoño réndelle vasalaxe dende a súa xurisdición occidental, e Froila a este último, e consecuentemente a García en última instancia. Moitos autores entenden tal exercicio como a creación dun novo reino, o de León (por ter a capital nesta cidade), mentres outros apóianse na idea dunha suposta creación de tres reinos (Galiza, León e Asturias), con todo o reino nunca deixou de ser o mesmo e baixo a mesma familia real nin perdeu nunca a súa concepción unitaria, como se manifesta ante a morte de García (914) herdando o trono seus irmáns sucesivamente e con total normalidade, práctica semellante á acontecida pola monarquía francesa dos capetiáns, onde baixo moitos ducados se mantiña a idea de unidade do reino, como pon de relevo a historia contemporánea.

As tensións internas comezan arredor do ano 924, coa sucesión de Ordoño II, producindo grandes rivalidades entre os fillos deste, e o seu irmán Froila. Será a liñaxe de Ordoño II a que se impoña a Afonso Froilaz, fillo de Froila II, con apoio da aristocracia galega propiamente e navarra, repártense de novo os poderes entre os fillos de Ordoño II. Será de novo o irmán maior Sancho Ordóñez, coroado rei en León, portanto rei de toda Galiza, os seus irmáns menores, Afonso e Ramiro exercen como señores feudais en diferentes territorios. Existen diversas interpretacións sobre a relación con Afonso IV, quen á morte de Sancho Ordóñez no ano 929 pasou a actuar como rei de Galiza e de León[62]. Afonso IV tomou armas contra o seu irmán menor, Ramiro, quen axudado polos nobres galego-portugueses expulsan a Afonso no ano 931, reinstaurando a estabilidade monárquica en toda Galiza ata o ano 951.

Árbitro nesa inestabilidade foi San Rosendo que mediou entre Ordoño IV e Sancho I, ámbolos dous coroados en Santiago de Compostela. Resultado dunha desas rebelións será a coroación na Galiza de Vermudo II (982). Este derrotará a Ramiro III de León e unificará novamente os dous territorios.

Coa expansión navarra de Sancho III O Maior, os territorios da Coroa de León quedaron reducidos practicamente ó Reino de Galiza, ata que o seu fillo Fernando, o futuro rei de Castela, derrotou ó rei galaico-leonés Vermudo III. Tras dominar o territorio galego, e buscando a lexitimidade no matrimonio coa irmá deste, Sancha, vívese unha primeira experiencia de unidade de Galiza e León con Castela. Con todo, e seguindo a política dos monarcas da época, Fernando I deixa en testamento a partilla dos seus reinos entre os seus fillos.

[editar] Crise monárquica. Hostilidades con Al-Andalus

Miniatura medieval das Cantigas de Afonso X o Sabio, nela aprecianse exércitos de relixión musulmá e cristiá.

Vitorioso grazas á axuda dos nobres galegos, León abría as portas a Vermudo II no ano 984, dende onde entón gobernaría toda Galiza, Regnante Veremudo rex in Galezia (reinante o rei Vermudo en Galiza)[63]. O novo rei apresurouse a ser recoñecido como tal por Almanzor recibindo axuda militar do musulmán[64] para facer fronte ós nobres insurrectos, que coa súa axuda logrou sufocar. Con todo, a extensa estadia das forzas musulmáns no sur do reino levou a Vermudo II a expulsalas por consideralas forzas de ocupación, rompendo de facto a alianza con Almanzor. A ruptura desta alianza puxo de manifesto, a incapacidade do rei de afrontar satisfactoriamente a guerra contra o xeneral musulmán, levándoo a perder no ano 987 importantes cidades do sur de Galiza, como Coimbra e Viseu ademais de sufrir o asalto e saqueo doutras ciudades tan influíntes como Astorga, Compostela e a mesma León, véndose forzado Vermudo a aceptar a presenza de gobernantes musulmáns en Toro[65]. As campañas levadas a cabo por Almanzor entre os anos 987 e 996, cesarían cunha alianza rexia que se ratificou a paz pola vía matrimonial. O propio Almanzor casaba cunha filla de Vermudo ó se asinar a paz no ano 996[66], e o rei Abdalá de Toledo, cunha irmá de Afonso V[67].

O reinado de Vermudo II vai supor a confirmación dun achegamento ós intereses galegos, materializándose isto na crianza do único herdeiro, o futuro Afonso V, a súa educación foi depositada no poderoso duque galego, Mendo González[68], o cal significaba depositar o poder en mans deste sector concreto da nobreza, neutralizando asi a longa hostilidade padecida polos reis de parte dos condes de Castela, mais en absoluto rematou con ela, e finalmente desembocou de forma fatal no reinado e na persoa do seu fillo, Vermudo III[69]. O reinado de Afonso V, Rex Gallitianus[70] (rei de Galicia) supón a consolidación institucional que a monarquía galega perdera ó longo do século X, onde numerosos nobres se proclamaban reis co apoio dos nobres ben en Compostela coma na cidade de León coa fin de chegar a gobernar toda Galiza, dende Fisterra ás terras alavesas. No seu curto reinado, foi quen de emprender a restauración de cidades como León, e a reconquista das cidades de Coimbra e Viseu, que tempo atrás conquistara Almanzor. Sería no asedio desta última no ano 1028 onde un frecha remate coa súa vida, herdando o trono Vermudo III.

[editar] Conflitividade entre os reinos de Galiza e Navarra

O casamento do rei de Navarra, Sancho Garcés III coa condesa castelá, Munia Sánchez propiciou a comezos do século XI, unha importante conflitividade entre o monarca galego Vermudo III e o navarro, pois se ben Castela e os seus condes lles servían vasalaxe ós monarcas galegos de León, o matrimonio de Sancho con Munia semellaba leximitimalo para exercer demandas de soberanía, ou cando menos para intervir de facto nese territorio oriental sito entre os ríos Araduei e Pisorga, en Castela, xa nos confíns da Galiza do século XI.

O feito de que Sancho Garcés estivera tan ligado a Castela propiciaba que na documentación figure cun dominio rexio sobre Castela, sen por iso cuestionar a superioridade de Vermudo, aludíndoa el como imperator dommus Veremudus in Gallecia", é dicir, "emperador don Vermudo en Galicia"[71]. No entanto, todo isto supuña unha situación indiscutiblemente ambigua e propensa ó litixio. As complicadas relacións entrámbolos reinos semellaban chegar a unha efémera tregua co casamento da irmá de Vermudo, Sancha co conde García Sánchez de Castela, cuñado de Sancho Garcés, voda que se ía celebrar no ano 1029, mais días antes das nupcias o castelán é asasinado en León pola casa de Vela, opoñentes a calquera enlace que significara o achegamento entre a monarquía galega e os condes casteláns.

Mapa da disputa territorial por Castela entre os monarcas de Galiza e Navarra, a comezos do século XI.

Á morte de García Sánchez, a súa irmá Munia asume o total control do condado de Castela, e propicia que Sancho Garcés inicie entón a directa intervención en Castela, asumindo a titulación sobre esa zona. Así no ano 1034, en efecto o navarro chega a presentarse na cidade de León como rei, obrigando a Vermudo a retirarse aos territorios da Galiza actual onde contaba con sólidos apoios, mais retorna ó ano seguinte mantendo a dignidade rexia sobre a capital galaica. No ano 1032, Vermudo, nun derradeiro esforzo diplomático, consegue enlazar matrimonialmente á súa irmá Sancha filiam Adefonsi Galliciensis regis[72] (filla de Afonso, rei de Galiza) con Fernando Sánchez, segundo fillo de Sancho Garcés, e futuro Fernando I.

A morte de Sancho non supuxo a fin das disputas. O seu fillo maior, García Sánchez III herdaba o trono de Pamplona, e seguiu a empregar a titulación sobre Castela; pola súa parte, o seu irmán menor Fernando, casado con Sancha, herdou o condado de Castela e tamén a formal vasalaxe feudal a León, e ó seu cuñado, Vermudo III. Con todo, a lexitimidade de ámbolos reinos sobre Castela parecía estar aberta tanto a Pamplona como a León, e así no ano 1037 os dous irmáns navarros, García e Fernando Sánchez, preséntanlle batalla a Vermudo III, onde morre presumiblemente por liderar a primeira fileira da carga de cabalería.

[editar] Séculos centrais

Mappamundi do Beato de Burgo de Osma. Na península ibérica apreciase na metade sur o nome "Span" (Hispania), en todo o norte-noroeste o nome "Gallecia" e na súa franxa costeira norte "Asturias". Catedral de Burgo de Osma. Ano 1086.

Coa morte de Vermudo III, o trono de Galiza recae na irmá Sancha que por dereito sucesorio herdaba todo o reino, conseguindo o seu marido navarro, Fernando, ser coroado como rei consorte de Galiza, gobernando dende a cidade de León. Conseguirían ambos manter o territorio herdado e incluso amplialo, recuperando algunhas cidades perdidas como a importante Coimbra, que voltaba a rendir vasalaxe ós reis galegos, pese a que o seu gobernador fose musulmán.

A morte do rei Fernando I, en 1065, supón un novo conflito interno, no que sen un herdeiro único, os tres irmáns maiores pasan a gobernar os territorios nos que conseguiran establecer relacións, se ben é verdade que parte da historiografía considera tal feito como un reparto xa predisposto por Fernando I antes da súa morte, a titulación de Sancha como raíña aínda, e a asusencia de calquera documento de reparto feito por Fernando I ou Sancha induce a pensar que non existiu tal reparto. Anos máis tarde, cada un dos tres fillos aparece gobernando diferentes territorios en calidade de reis, así o maior, Sancho domina as terras orientais, Castela a grosso modo, Afonso a capital, León e as súas terras próximas asi como Asturias, e o terceiro García herda as terras galegas entre Coimbra e o Ortegal. Isto terá por consecuencia a gran fragmentación do reino de Galiza, se ben que "Galicia" seguirá sendo o termo que se emprege para denominar a estas terras.

García restaurou as sés de Tui e Braga e venceu varios conatos de anexión, pero finalmente foi deposto polos seus irmáns Sancho II de Castela e Afonso VI de León en 1071[73], e recluído como prisioneiro nun castelo ata a súa morte. Os irmáns de García asinarían xa no ano 1071 co título de reis de Galiza na documentación galega do momento. García morrería no marzal de 1090 en prisión, nun castelo leonés, e sempre se lle recoñeceu a dignidade real. Galiza pasou a ser gobernada por Raimundo de Borgoña, casado coa filla de Afonso VI de León, dona Urraca -totius Gallecia imperatrix- (gobernante de toda Galicia).

A nova situación non se acadou sen resistencias. Se ben que as novas son confusas, algúns sosteñen que o conde Rodrigo Ovéquiz encabezou unha rebelión que tardou varios anos en sufocarse. Igualmente, o bispo de Santiago Diego Páez foi deposto no Concilio de Husillos (1088); entre os motivos de tal deposición cítase un presunto intento de concertar un acordo con Guillerme o Conquistador.

Trala morte de Don García en prisión, en 1096 Afonso VI dividiu o territorio en dous condados, un correspondente ás terras galegas e o outro ás portuguesas que doou a Henrique de Borgoña, pai do primeiro rei de Portugal Afonso Henriques.

[editar] O nacemento do reino de Portugal

Estatua de Afonso Henriques no Castelo de São Jorge en Lisboa, réplica da orixinal, feita por Soares dos Reis, que se atopa en Guimarães.

No ano 1091 a princesa Urraca, filla do rei Afonso VI casaba con Raimundo de Borgoña un importante nobre borgoñón, fillo de Guillerme I de Borgoña e que asistira como cruzado para loitar contra os almorábides. As vitorias militares do borgoñón, e a altura das súas relacións familiares en Europa propiciaron a convenencia do enlace matrimonial, ó que Afonso VI outorgou unha importante dote, o goberno das terras galegas, dende o Ortegal ata Coimbra, co título de condes tanto a Raimundo como a Urraca. Dous anos máis tarde, en 1093, outro cruzado francés Henrique de Borgoña, neto do duque Roberto I, tomaba a man da filla menor de Afonso VI, Tareixa de León recibindo o goberno do condado de Portucale e Coimbra, fundado o de Portucale no ano 868 polo nobre galego Vimara Pérez e que comprendia as terras situadas entre o Miño e Douro. Artellábase deste xeito, unha complexa rede de relacións feudais, por un parte o rei Afonso VI, que gobernaba toda a Galiza e Toledo, recibía vasalaxe feudal de Raimundo e Urraca que gobernaban as terras galegas dende Ortegal ata Coimbra, estes á súa vez recibíana de Tareixa e Henrique de Borgoña.

As constantes derrotas sufridas ante os almorábides e o crecente descontento do rei coa política administrativa do seu xenro -Raimundo-, serán as razóns que leven a Afonso VI a retirar os dereitos feudais que este e Urraca tiñan sobre Portugal, equiparando o dominio destes ó de Henrique e Tareixa. Así pois, aínda que o Condado Portucalense seguía a formar parte de Galiza, na práctica deixaba de servir vasalaxe a Raimundo de Borgoña e Urraca, para prestar vasalaxe directamente ó rei de toda Galiza, Afonso VI, provocando certo descontento entre a nobreza galega ó norte do río Miño.

Mapa político do noroeste da Península ibérica a finais do século XII.

Á morte de Henrique no ano 1112 sucédelle a viúva deste, Tareixa, no goberno dos dous condados durante a menoridade do seu fillo Afonso Henriques. Formábanse dúas tendencias, a de achegamento á politica común galega, co novo rei, Afonso Raimúndez, ou o mantemento dun forte poder condal con aspiracións á proclamación real do herdeiro condal. O ascenso de Compostela a condición de metropolitana en detrimento da histórica Braga e a tendencia de achegamento de Tareixa á política ao norte do Miño materializado no casamento con Fernando Pérez de Trava precipitan os acontecementos no condado de Portugal. O arcebispo de Braga -arrebatado das reliquias de San Froitoso polo mesmo Xelmírez en 1102- e os grandes aristócratas portugueses -interesados nun maior poder territorial- foron os principais valedores das pretensión reais de Afonso Henriques. Ante tal situación o rei galego Afonso VII viaxa a Portugal sitiándoo en Guimarães, ata conseguir a súa promesa de fidelidade, que finalmente lle comunica Egas Muñiz.

Meses máis tarde en 1128 e ante o incumprimento de Afonso Henriquez, o pérfido galego, señor de Coimbra -como lle denomina o cronista Ibn Sahib al-Salah-, as tropas de Tareixa e Fernando Pérez de Trava libran a batalla de San Mamede en 1128, de onde as tropas portucalenses saen vitoriosas. A morte de Tareixa, e a batalla de Ourique contra os musulmáns consolidan finalmente o condado como reino en 1139, tornándose Afonso Henriques no rei Afonso I de Portugal, recoñecido polo seu curmán Afonso VII (pese as tensións pasadas, como a invasión de Tui por Afonso Henriques en 1137, finalizada trala sinatura do Tratado de Tui) e finalmente, dende o ano 1179, coa sanción do papa de Roma.

Nacía entón un reino que, formando parte o seu territorio da Gallaecia dende o Imperio Romano, e albergando incluso a capital do reino (Braga) durante moito tempo, adquiría a partir de agora a súa propia personalidade precisamente na medida en que se diferenciaba da monarquía galego-leonesa, cuxos líderes radicaban en León e Compostela[74].

[editar] A Era Compostelá

Artigo principal: Era Compostelá.
"Os aragoneses entregan o castelo á raiña. Ouh!, canta e que excelente gloria militar proporcionou ós galegos aquel día en que o Batallador aragonés se retirou ante eles!. Pero moito máis excelente e máis alegre foi cando a valerosa forza de Galicia protexeu a Castela e ós seus cabaleiros do ataque dos inimigos e obrigou a entregar o castelo do aragonés. Ouh vergoña!, os casteláns precisan forzas alleas e son protexidos pola audacia dos galegos!. Qué será deses covardes cabaleiros cando se marche o exército de Galicia, o seu escudo e protección?."
— (Extracto da Historia Compostellana, Libro I, Capítulo 90).

O 17 de setembro de 1111 a nobreza galega encabezada polo Conde de Traba e Diego Xelmírez coroan en Santiago de Compostela ó fillo de Urraca e Raimundo, Afonso Raimúndez, como rei —temorosos de que do novo matrimonio entre Urraca e Afonso de Aragón houbese descendencia: algo que viría coutar os seus proxectos políticos e, así mesmo, os dereitos do futuro "Emperador", como lexítimo sucesor de Afonso VI— sendo o futuro Afonso VII de León e Castela no cómputo español. Sostiña ó novo rei a forza militar do bispo compostelán e a do conde Pedro Froilaz de Trava, que fora o seu protector e titor durante toda a súa infancia. O sentido da coroación foi preservar o dereitos do fillo de don Raimundo de Borgoña sobre o Reino de Galiza, nun momento en que Urraca, xa viúva, entregaba de facto Castela e León ó seu novo home Afonso o Batallador de Navarra e Aragón. En realidade, a cerimonia compostelá tivo moito máis, nun primeiro momento, de simbólica que de efectiva. Tanto é así que Xelmírez, Pedro Froilaz e outros nobres galegos dirixíronse posteriormente a León para entronizar na sede rexia a Afonso Raimúndez. No camiño, no lugar concreto de Viandangos, saíulles ó paso Afonso o Batallador, presentando batalla e frustrando os plans da nobreza galega. Ata a maioría de idade de Afonso VII, e a morte da súa nai, todo o conxunto noroccidental vai vivir unha etapa de convulsión con frecuentes alianzas e contraalianzas entre nai e fillo e aínda entre esta e o seu esposo aragonés, con Diego Xelmírez sempre presente nelas.

Neste clima de guerra e aproveitando que Calisto II, tío do rei de Galiza, chega ó Papado, Xelmírez consegue o arcebispado para Santiago de Compostela (1120). As pretensións do bispo eran que Compostela fose recoñecida como igrexa metropolitana de Galiza, contra os dereitos tradicionais de ostentaba Braga dende os tempos de San Martiño de Dumio. Calisto II non acepta tanto e decide crear unha nova xurisdición que supuña unha anomalía no poderío eclesiástico peninsular e que, ademais, exercía o seu poder non sobre os territorios galegos en que estaba localizada xeograficamente, senón na antiga xurisdición de Mérida (Estremadura actual e terras ó Sur do río Douro).

Braga ficaba así rodeada pola xurisdición de Compostela e, perante este perigo, convértese no centro do movemento independentista do Condado de Portugal. En 1128 o líder da nobreza galega Fernando Pérez de Traba e Tareixa de Portugal que despregaban un poder autónomo no espazo galaico-portugués son vencidos polo fillo da última, Afonso Henriques. Este sería o xérmolo do futuro reino portugués separado de Galiza e León. Á súa morte, Afonso VII dividiu os seus reinos (1156), cedendo Galiza e León a Fernando II.

Fernando II fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara o seu pai e funda entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra tamén deu un pulo fundamental á catedral de Santiago de Compostela. O seu fillo Afonso IX mantivo a mesma política fundando ó longo da costa, Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol e Neda. Estas vilas de reguengo supoñen unha verdadeira revolución na estrutura social da época porque, por unha banda, inauguran a diversificación económica, rachando coa autarquía dos séculos anteriores e facilitando o desenvolvemento das actividades pesqueiras e pre-industriais orientadas á elaboración de materias primas, peixe salgado sobre todo, que se comercializa a través dos portos, pola outra banda, serven para consolidar socialmente unha serie de "liñaxes" ou "casas" que teñen na súa orixe ós segundos da grande nobreza e á fidalguía local, que se reparten os cargos municipais e administrativos (alcaldes, rexedores, xuíces, meiriños). Crease así unha protoburguesía no reino que mesmo chega a introducir nos mosteiros rurais os seus membros: priores de nome e fidalgos de vocación, máis preocupados polos intereses das súas casas que polos ideais monásticos. É unha política de fortalecemento do elemento urbano fronte á grande nobreza.

Evolución territorial de Galiza ó longo dos séculos ata a súa desaparación como reino en 1833.

Tamén se produce, ó longo deste século, un rápido crecemento da poboación que, no medio rural, se traduce en máis brazos para traballaren a terra e, como consecuencia, ábrense novos espazos e colonízanse e áranse terras virxes baixo a dirección dos grandes mosteiros. Isto, unido á mellora dos aparellos de labranza e ó aperfeizoamento dos sistemas de cultivo, xera un aumento da produtividade que vai repercutir no nivel de vida. O reparto desa maior produtividade entre os labregos e os señores realízase mediante o establecemento dos foros. As transformación económicas e sociais acarretan cambios profundos na mentalidade e iníciase, nas vilas, unha renovación relixiosa de man das ordes mendicantes, sobre todo dos franciscanos, que traen xérmolos de reformas sociais.

Con estes monarcas o centro vital dos reinos é, loxicamente, Compostela, onde reside a corte galega, e o seu esplendor ficou perpetuado polo Mestre Mateo no granito da Catedral e, sobre todo, no Pórtico da Gloria e Praterías. Da prosperidade do reino dan fe tamén as innumerables construcións románicas que aínda salfiren Galiza. A outro nivel menos visible, a cultura galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada por unha banda na redacción da Historia Compostelá e do Códice Calixtino.

Afonso VIII, deu en herdanza os reinos de Galiza e León ás fillas que tivera con Tareixa de Portugal: Dona Sancha e Dona Aldonza. Acaso estes dous reinados, o de Fernando II e Afonso IX —en realidade, Afonso VIII nunha cronoloxía galego-leonesa— constitúen o momento central na posibilidade de constituír un espazo galego-leonés de seu, nun momento no que a monarquía patrimonial deixaba paso xa á de carácter territorial.

[editar] A fin da monarquía galego-leonesa

Miniaturas medievais de Fernando II e Afonso VIII. Derradeiros reis de Galiza e León. Tumbo de Toxosoutos. s.XIII.

Ata comezos do século XIII, os reinos peninsulares anexionábanse mediante o casamento ou a herdanza baixo a persoa dun rei. Finado ou deposto o rei estes se partillaban entre os diferentes herdeiros de xeito que garantiran a súa independencia. No caso dos monarcas galegos o dereito de herdanza era indistinto para homes e para mulleres.

Afonso VIII casara dúas veces. Do seu primeiro matrimonio con Tareixa de Portugal tivo dúas fillas, Sancha e Aldonza. No segundo casamento casou con Berenguela de Castela, e tivo catro fillos; Fernando, Afonso, Constanza e Berenguela. Para manter a independencia dos reinos de Galiza e León, Afonso VIII no seu testamento aplicou o dereito galego de herdanza, que igualaba na sucesión a homes e mulleres, deixando a Aldonza coma futura raíña de Galiza e a Sancha como futura raíña de León. Nembargantes, Fernando, primoxénito do seu segundo casamento xa era rei de Castela pola renuncia ao trono da súa nai, a castelá Berenguela, ambicionaba espallar a súa autoridade rexia non só en Castela, senón tamén en Galiza e León. Logo, Aldonza e Sancha contaron co masivo apoio da nobreza e igrexa galega, agás os bispos de Lugo e Mondoñedo.

Malia todo, o reino de León, máis unido a Castela xeograficamente, preferiu a unión política con esta. Berenguela, nai de Fernando de Castela, consegue o apoio de Sancho II de Portugal para impedir que Galiza e León se convertan novamente en reinos independentes, e ambos presionan a Tareixa de Portugal, primeira muller de Afonso VII para forzar a Aldonza e Sancha a renunciar ó seu dereito lexítimo de herdanza. Finalmente, as infantas renuncian ó trono e Fernando III consegue o trono de Galiza e León, que aínda de conservar o seu título real pasan a ser gobernadas dende Castela.

[editar] Galiza e a Coroa de Castela

A imposición de Fernando III como herdeiro sobre os reinos de Galiza e León, supuxo o comezo dunha etapa de decadencia e unha negativa evolución dos intereses xerais do reino, sendo a nobreza condal galega e os concellos dos burgos galegos os grandes prexudicados. Apartados do alto nivel das decisións dunha Corte radicada en Castela, Galiza pasaba de núcleo a periferia dunha coroa gobernada por casteláns[75].

Con todo, a asociación política da coroa castelá (Castela-Toledo) e a leonesa (Galiza-León) seguía a ser na persoa do rei pois ambas coroas mantiñan as súas peculiaridades instucionais, así en Galiza-León mantívose como código legal o Liber Iudicium —ó contrario que aconteceu na Coroa de Castela—, mesmo cando os asuntos eran xulgados pola Corte estes despachábanse de acordo co código vixente en cada coroa[76]. Co reinado de Fernando III (1230-1254) o centro de poder político do reino de Galiza trasládase a Castela, a corte real abandona Compostela e iníciase unha política de tendencia centralizadora. Galiza continúa a ser monolingüe e toda a súa documentación pública está redactada na lingua do reino, o galego, aínda que a partir de agora os documentos que cheguen da Corte virán redixidos en castelán. A política centralizadora de Fernando III mantense durante o reinado do seu fillo Afonso X, que introduce por vez primeira un representante xudicial do Reino no goberno de Compostela, e pouco máis tarde entregará a sé compostelá a un arcebispo de Valladolid, comezando un proceso que rematará por trocar os bispos galegos por funcionarios de Castela.

Non obstante, a pesar deste feito, o certo é que ó longo de todo o período medieval, e ata a chegada ó poder dos Reis Católicos, os nobres galegos seguiron a vivir nun estado de práctica semi-independencia con respecto da coroa castelá.

[editar] O rei Xoán de Galiza, León e Sevilla

Sartego no convento de San Francisco de Pontevedra.

Neto de Fernando III e fillo de Afonso X, axudado polo rei Dinís de Portugal, aspirou á coroa en canto morreu seu pai en 1284, fronte á usurpación violenta perpetrada polo seu irmán Sancho IV. Achegábase o momento dunha maior confluencia política dos reinos de Galiza, León e Portugal.

Xoán eríxese en cabeza de importantes grupos nobiliares, con solidez dabondo para ser proclamado no ano 1296 como rei de Galiza e León, tras un acordo de división dos reinos pactado polos grupos nobiliarios; o nomeamento rexio confírmase a continuación en Sahagún, ampliando ademais o reino de Sevilla (tradicionalmente vencellado a Galiza dende finais de século XI). Coa súa proclamación espertaba despois de sesenta e seis anos, a primeira das ocasións para que Galiza e León configurasen un espazo político propio e diferenciado de Castela. Unha alternativa que a máis alta nobreza galega apoiará ata finais do século XIV. A implicación da alta nobreza galega no proxecto restaurador da independencia política do reino, patentízase na adscrición ó seu partido da máxima representación política vixente en Galiza, o Adiantado Maior do Reino, posto que ostentaba o poeta-almirante e señor de Rianxo Pai Gómez Chariño, asasinado pouco tempo despois por Rui Pérez Tenorio, unha perda inestimable para a causa de Xoán. Sucedería a Gómez Chariño, Fernando Ruíz de Castro, herdeiro da casa de Traba, que adoptaba idéntica posición ó seu antecesor na restauración dunha independencia respecto Castela, favorecendo a Xoán e iniciando a activa belixerancia desa familia a favor do achegamento a Portugal durante todas as etapas de conflitividade do século XIV.

Durante cinco anos mantívose a situación fáctica de separación, sempre en medio dunha constante inestabilidade política e militar, pois o intento batía coa oposición interna de poderosos sectores sociais e coa resistencia decidida do partido de María de Molina apoiado pola alta aristocracia castelá que non desexaba perder o control sobre os territorios galegos e leoneses, e co apoio de parte do alto clero galego.

Forzado polas circunstancias adversas, Xoán renunciaba finalmente no ano 1301 á causa soberanista, confirmándose a reunificación dos reinos de Galiza-León con Castela-Toledo.

[editar] Respaldo de Fernando I de Portugal á causa galega

Fernando I, rei de Portugal.

A morte de Pedro I en 1369 supuxo o triunfo aristocrático en Castela[77], onde foi coroado Henrique de Trastámara, candidato señorial, non obstante, malia as pretensións deste, a maior parte dos nobres galegos non o recoñecen como tal e co beneplácito dos municipios do reino demandan como rei a Fernando I de Portugal no ano 1369, asegurándolle os seus partidarios galegos que levamtariam voz por elle (...) e que lhe daríam as villas e o reçeberíam por senhor, fazémdolhe dellas menagem[78]. Prodúcese por un curto espazo de tempo a culminación práctica da repetida tendencia de aproximación entre Galiza e Portugal propugnada por influentes grupos sociais galegos e activa desde había tempo.

Acompañado dende Portugal por importantes partidarios nobres da causa lexitimista, significados representantes da nobreza galega, entre eles Fernando Pérez de Castro (conde de Trastámara), o cabaleiro e señor de Salvaterra, Álvaro Pérez de Castro e Nuno Freire de Andrade (mestre da orde portuguesa de Cristo). Á súa entrada no reino de Galiza foi triunfal e aclamado nas cidades[79].

As medidas de goberno de Fernando I pasaron pola restauración das prazas fortes de Tui e Baiona entre outras, a liberación do tráfico comercial entre Galiza e Portugal así como o abastecemento de cereal e viño por vía marítima ás poboacións galegas mermadas pola guerra[80]. Realizou igualmente disposicións en materia monetaria para o que mandou fazer moeda de seus sinais d´ouro e prata, asii (...) na Crunha e em Tuy, testemuñando as Cortes de Lisboa do ano 1371 a validez das moedas indistintamente no reino de Galiza coma no de Portugal[81].

Con todo, e pese o éxito inicial, a presenza do monarca portugués no reino foi curta. Henrique de Trastámara, asistido polos mercenarios das Compañías Brancas organizou unha contraofensiva que obrigaría a Fernando I a retornar a Portugal, facéndose deste xeito co goberno de Galiza ata a chegada do Duque de Lancaster.

[editar] O duque de Lancaster, rei de Galiza

Tan só dous anos despois de que Fernando I de Portugal renunciara ás súas pretensións no Reino de Galiza, apenas uns anos despois da ocupación de Tui por Diego Sarmento en nome do futuro rei Henrique de Trastámara e manténdose aínda A Coruña fiel a Portugal, Xoán Fernández de Andeiro culminaba as xestións con Inglaterra. Asinábase así o 10 de xullo de 1372 un tratado polo cal, Constanza, filla do rei Pedro I, asasinado por Henrique de Trastámara, reclamaba o seu dereito lexítimo como sucesora ante este último[82].

Rendición de Santiago de Compostela a Xoán de Gante. Jean Froissart, Chronicles.

Así foi que o marido de Constanza, John of Gaunt, duque de Lancaster e fillo do rei Eduardo III de Inglaterra adopta os títulos reais da súa muller (de Galiza, León, Castela, etc.) dispoñéndose a facelos efectivos. A primeira tentativa frustrouse cando a súa expedición houbo de se desviar, no Poitou, cara a cidade de Thouars, urxida pola Guerra dos Cen Anos en Francia. No ano 1386, respaldado pola bula papal de Urbano IV que lle concedía o dereito á Coroa de Castela, desembarca na Pescadería da Coruña, mais sen afrontar o asalto da cidade amurallada. Establecéronse entón capitulacións, segundo as cales a cidade abriríalle as portas se antes era recibido en Santiago. Así sucedeu, e a continuación logrou, sen apenas resistencia militar, dominar o reino. Acompañado pola súa muller e fillas, asentou a súa Corte en Compostela. Dirixiu as súas operacións cara Pontevedra, Vigo, Baiona, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Ferrol. En Ourense as súas tropas asaltaron a cidade e fixeron retirar ás tropas trastamaristas[83], mentres Ferrol é tomado polo rei de Portugal Xoán I, aliado do duque de Lancaster. No caso de Ribadavia, a cidade resistiuse a este, e o propio Thomas Persey dirixíu un asedio de días sobre a vila, que acabou sendo tomada.

Tras estas accións militares practicamente toda Galiza ficaba en poder do duque, concretamente despois de que el e o rei portugués se fixeran co dominio de Ferrol, así a crónica escrita por Jean Froissart déixao claro: avoient mis en leur obeissance tout le roiaulme de Gallice[84].

Non obstante, a evolución dos acontecementos militares foi determinada por unha epidemia de peste que decimou as tropas inglesas en chan galego. Isto forzou ó duque de Lancaster a negociar unha saída con Henrique de Trastámara. Os termos da paz, asinada en 1388 estipulaban a renuncia ás pretensións rexias de Xoán de Gante e da súa muller Constanza a cambio dunha crecida indemnización e da voda entre o herdeiro castelán, Henrique III, e a filla do duque, Caterina de Lancaster. A retirada final dos ingleses pechaba os intentos desenvolvidos polos concellos e a alta nobreza galega para acadar un espazo non compartido con Castela e orientar Galiza cara a Portugal e o Atlántico, con todo non sería a derradeira vez que isto ocorrería.

[editar] As guerras irmandiñas

Artigo principal: Irmandiño.
Castelo de Sandiás. Destruído polos irmandiños no 1467.

A crise social e económica que sufriu Europa durante o século XV motivou no reino de Galicia a constante perda de ifluencia e poder económico das clases altas, tanto aristocráticas como clericais. Ante tal situación, os grandes nobres e bispos co obxecto de manter o seu privilexiado status, comezan a agravar os seus abusos sobre as clases máis desfavorecidas. A resposta das clases baixas galegas, entre elas a pequena nobreza, o baixo clero e especialmente os campesiños, foi a conformación dunha gran Santa Irmandade que impartirá xustiza no reino de Galicia, capaz de agrupar exércitos, axustizar á alta nobreza, e derrubar aqueles castelos que acolleran ós nobres malfeytores, é dicir a defensa dos seus intereses fronte os abusos dos señores.

Cada un dos miles de membros desta Santa Irmandade, recibiu o nome de irmandiño en base á idea de igualdade deste grupo, polo que as guerras civís nas que interviñan pasaron a denominarse Guerras Irmandiñas.

A orixe da confrontación foron os constantes atropelos de Nuno Freire de Andrade sobre a vila de Ferrol, cidade de reegengo na que estoupou a chamada Irmandade Fusquenlla no ano 1431, e que tivo por obxecto o apresamento, así como o derrubamento dos castelos pertencentes á casa de Andrade, encabezados polo fidalgo Roi Xordo. Nesa ocasión a Irmandade foi finalmente derrotada en pouco tempo polas forzas do arcebispo de Compostela, ata onde chegou a revolta.

Anos máis tarde baixo as presións dos señores comezou unha revolta de dimensións moito maiores, a Gran Guerra Irmandiña, que foi organizada por Alonso de Lanzós e Diego de Lemos, baixo o lema Deus fratesque Galliciae (Deus e os irmáns de Galicia) e que contaba co apoio das principais vilas do reino así como dos monarcas de Castela. Era en si mesma, unha Irmandade Xeral do reino de Galicia, logrando derrubar máis de 130 fortalezas. Controlaron a totalidade de Galiza entre os anos 1465 e 1469, gobernándoa mediante Xuntas, facendo fuxir ós grandes propietarios galegos a Portugal e Castela. Porén, o apoio dos monarcas de Castela, os Reis Católicos, non procuraba acabar cos abusos económicos sobre os clases baixas galegas, senón o esmagamento total da nobreza galega e o control directo do reino de Galiza pola monarquía castelá. Derrubadas moitas das fortalezas e axustizados moitos nobres, os acontecementos obrigaron ós monarcas de Castela a actuar, virando a súa posición e apoiando incondicionalmente ós nobres galegos así coma ó arcebispo de Compostela. En 1469 o exército do arcebispo e Pedro Madruga, apoiados por tropais reais castelás e portuguesas poñía fin á derradeira Guerra Irmandiña. Tralo escabezamento da nobreza máis levantisca, o reino de Galiza quedou baixo o mando dun Gobernador quen presidía a Real Audiencia do Reino, que era designado polos reis de Castela e Aragón de entre a nobreza foránea.

[editar] Resistencia dos nobres galegos ós Reis Católicos

"Pero en lo que el arzobispo hizo mucho servicio al rey fue que contra voluntad de todo aquel reino, estando todos en resistencia, recibió la hermandad en Santiago; y en un día la hizo recibir y pregonar desde el Miño hasta la mar, que fue hacer al rey y a la reina señores de aquel reino; y recibió sus gobernadores, habiendo pasado por el estado del conde de Lemos y por todos los otros sin haberlos recibido."
—(Extracto dos Annales de Aragón escrito por Jerónimo Zurita, Libro X)[85].

A nova concepción monárquica conducida polos Reis Católicos, o chamado “Estado Moderno”, foi auspiciada en Galiza polo episcopado (en primeiro lugar polo arcebispo Afonso Fonseca), así como por algúns nobres foráneos, particularmente os Pimentel, condes de Benavente, directamente ligados á monarquía. No entanto esta nova concepción tivo por resultado o choque frontal con senllos condes galegos. Son destacables as rebeldías sostidas, por orde cronolóxica, por Pedro Álvarez, conde de Soutomaior (Pedro Madruga), polo mariscal Pardo de Cela, e polos sucesivos condes de Lemos, Pero Álvarez Osorio e Rodrigo Henríquez de Castro. Todos eles compartían o común denominador da forte oposición militar ó proxecto político dos Reis Católicos, proxecto que repercutía considerablemente a estes nobres e por ende, ós seus parceiros nobiliarios e eclesiásticos no país. Este factor dotounos de unidade dabondo como para seren considerados entón (tamén desde fóra) unha acción representativa do Reino de Galiza, como entidade autónoma e resistente fronte á absorción que supuña a imposición do autoritarismo monárquico, dada a carencia de protagonismo galego neste proxecto, hexemonizado pola oligarquía aristocrática castelá-andaluza e cunha participación moi restrinxida de elementos galegos do mesmo estamento. A resistencia exercida por estes nobres foi adoptada por moitos como un carácter innato do reino e das súas xentes, así o cronista aragonés Jerónimo Zurita describiu aquela situación do seguinte xeito:

En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia, porque no sólo los señores y caballeros della pero todas las gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros[86]

A resistencia presentada por Pedro Álvarez de Soutomaior ofrece a maior claridade de motivos políticos e de obxectivos, e foi tamén a de maior envergadura e posibilidades de éxito, por integrarse nun conflito de grandes proporcións. O pertinaz enfrontamento do conde contra o arcebispo de Santiago, Afonso de Fonseca II, xuntouse, por extensión á oposición frontal contra a monarquía de Isabel a Católica. Na guerra de sucesión que segue á morte de Henrique IV adheriu a causa da súa filla, Xoana (desposada con Afonso V de Portugal) e, por tanto, a opción portuguesa fronte á aragonesa de Isabel. No decurso da guerra sucesoria mantida entre Xoana e Isabel, os contendendes estiveron a punto de acadar un compromiso que incluiría a incorporación do reino de Galiza á coroa portuguesa. A vitoria militar de Isabel e a subseguinte paz de Alcaçobas de Castela con Portugal en 1479, seguidas do exilio do conde de Soutomaior a Portugal (onde foi recompensado co título de Conde de Caminha) e a súa sospeitosa morte pouco despois, significaron o fracaso das inclinacións portuguesistas e atlánticas de Galiza.

Anos despois, e no norte do reino, nun famoso 17 de decembro de 1483 era executado o mariscal Pero Pardo de Cela en Mondoñedo, cumpríndose sentenza polo Gobernador dos Reis Católicos en Galiza, Fernando de Acuña. Semellante final, colofón dunha longa e desproporcionada resistencia no cerco do seu castelo da Frouseira e a caída por traizón, conferíronlle un especial dramatismo ó caso, facéndoo tema idóneo para a literatura. Xa no mesmo momento do tráxico desenlace se compuxo un fermoso “Pranto da Frouseira”, mitificación inmediata da súa figura;

De mîn a triste Frouseyra,
que por treyçon foy vendida,
derribada na ribeyra,
ca jamais se veo vencida.
Por treyçon tamben vindido
Jesus nosso redentor,
e por aqueestes tredores,

Pero Pardo meu señor.

Pranto da Frouseira, século XV-XVI. Anónimo.
Portada da obra "Descripción de la costa del reyno de Galizia", cartografía da costa do reino, realizada por Pedro de Teixeira Albernas arredor de 1625.

Dun xeito ou outro o capítulo de Pardo de Cela inclúese doadamente na secuencia de resistencia contra o Estado Moderno e explica a dureza e exemplaridade do castigo, que sería excesivo para unha simple rebeldía motivada por intereses estritamente particulares e sen maior transcendencia política, e que espertaría temor en toda a nobreza galega. A mediados dos anos sesenta, cando a loita entre o monarca e os señores acadou a máxima tensión, o mariscal atopábase no cargo de alcalde da vila de Viveiro, noameado polo procurador do Concello para exercendo como tal polo rei, no que se xuntan segundo viña sendo norma, o lexitimismo monárquico e o movemento emancipador urbano. Pardo de Cela está por tanto situado no mesmo bando de onde xurdirían, axiña, os Irmandiños.

Un ano despois, en 1465, colaboraba na supresión do señorío de Xoán de Viveiro sobre esa vila como membro do concello e en nome de Henrique IV. Unha vez vencidas as irmandades, o choque de Pardo de Cela con membros relevantes da igrexa mindoniense e, por fin, cos Reis Católicos, era continuación lóxica, xa a nivel particular, daqueles aliñamentos anteriores, pois a crecente hexemonía eclesiástica e o forte intervencionismo monárquico nos concellos, fenómenos ambos propios do Estado moderno, erosionaban as bases da súa posición social e política.

Finalmente entre 1483 e 1485 as respectivas rebelións de Pero Álvarez Osorio e de Rodrigo Henríquez de Castro, sucesivos condes de Lemos chegaban á súa fin. O primeiro finaba de morte natural, deixando pendente a resolución da discrepancia; o segundo foi cercado e derrotado ante o despregue militar persoalmente comandado polos reis de Castela e Aragón. Con esta última rebelión anulábase toda oposición nobiliar fronte á monarquía dos reis católicos no reino de Galiza. Ademais a derrota de Rodrigo Henríquez supuxo a remodelación do mapa de Galiza, deixando O Bierzo de formar parte do condado de Lemos e consecuentemente de Galiza.

Sufocada xa toda oposición no reino, en 1486 os Reis Católicos visitaban Galiza, sendo o símbolo do remate dunha época, o final da Idade Media en Galiza. A consecución final do pleno dominio rexio en Galiza, o que o cronista Jerónimo Zurita chamaría “domar aquella tierra de Galicia”[86].

O reino entrou noutra fase, marcada pola extinción política dos sectores sociais capaces de conducir unha dinámica propia, convertido nun territorio periférico da monarquía hispánica na súa proxección imperial. Supeditado a institucións alleas, introducíronse organismos novos impostos desde fóra (audiencia, santa irmandade, gobernadores, correxedores, inquisición, congregación monástica de Valladolid, etc.), nutridos maiormente con funcionarios estranxeiros e contando co concurso dos sectores autóctonos intermediarios e subalternos.

[editar] A provincia do Bierzo no reino de Galicia

Mapa do reino de Galiza elaborado por Gérard Mercator e Jodocus Hondius, cun detalle do mesmo no que aínda se situaba a Ponferrada como entrada do reino. 1619.

Coa fragmentación do reino de Galiza e a individualización do recente reino de León a comezos do século XII[87] as informacións sobre a adscrición do Bierzo a un ou outro reino son confusas e mesmo contraditorias. Mentres que para uns autores o reino de Galiza remataba na fronteira natural dos montes do Cebreiro, para outros facíao nas aforas da cidade de Ponferrada[88], chegándose incluso a considerar o territorio berciano como unha entidade propia debido á súa condición xeográfica limítrofe. Os séculos posteriores, porén, consolidarían finalmente o occidente do Bierzo na vida política e social galega ata finais do século XV.

Será precisamente nese século cando o conde de Lemos, Pedro Álavez Osorio, el mayor señor de aquel reyno de Galicia[89] sufra o acoso total dos irmandiños (incluídos os bercianos), cando máis de 30.000 deles o sitien no Castelo de Ponferrada[90], corazón do Bierzo, a súa confrontación coa Real Audiencia e os Reis Católicos sumiran o condado de Lemos nun período de inestabilidade, que a propia morte do conde no ano 1483 non conseguiría deter, senón máis ben acrecentar pois desataba abertamente unha disputa entre o lexítimo herdeiro, Rodrigo Henríquez Osorio e a súa media irmá, María Bazán, emparentada esta cos Pimentel, condes de Benavente e ferventes partidarios dos Reis Católicos, que tiñan importantes desexos territoriais no Bierzo.

Así no ano 1485, o novo conde de Lemos, Rodrigo Henríquez Osorio, facíase coa fortaleza de Ponferrada e outros lugares do Bierzo, resistindo o estado de Lemos nas súas mans ata o ano 1486, cando despois dun asedio de meses, renunciaba ás súas demandas.

Castelo de Ponferrada. Gravado do século XIX.

Como castigo á rebeldía dos seus dous titulares sucesivos (Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo Henríquez de Castro) os Reis Católicos dividiron o condado de Lemos no ano 1486, mercando eles mesmos Ponferrada e creando o marquesado de Vilafranca[91] co que serían recompensados os condes de Benavente. Recaía o Bierzo en mans castelán-leonesas, definíndose o límite entre o reino de Galiza e o de León, que pasaba a situarse no Cebreiro[91], servindo unha pedrafita como marco divisorio entrámbalas entidades[92].

Non obstante, e pese á final adscrición do Bierzo ás terras de León, non impediu que o galego continuase a ser falado polos seus habitantes e que territorio berciano continuara a ser tradicionalmente considerado parte integrante de Galiza, así escritores e humanistas como Fernán Pérez de Oliva, Jerónimo Zurita[93], Lope de Vega, e viaxeiros como Bartolomé de Villalba y Estraña, Caumont, Claude de Bronseval, Arnold von Harff e outros, continuaron a considerar na súa obra o Bierzo occidental como parte do reino de Galiza, aludindo a diferentes enclaves como galegos, (Ponferrada) llave e principio del reyno de Gallizia[94], (Vilafranca do Bierzo) tiene esta villa buena vega, aunque ya está en Galicia[95], mesmo afirmando firmemente que: Pont Ferrat (Ponferrada), fin d’Espagne, commencement de Galice (Ponferrada, fin de España e comezo de Galiza)[96].

[editar] O Absolutismo (XV-XVII)

[editar] O Comezo do Absolutismo no reino

En setembro do ano 1486 os Monarcas Católicos daban por finalizadas a medidas políticas e militares para "mandar proveer e castigar las cosas del Biergo (Bierzo) e del reyno de Gallizia".

Este ano (1486) marcaba no reino a fin do Feudalismo e a implantación do Absolutismo monárquico, marcado en Galiza pola extinción política dos sectores sociais capaces de conducir unha dinámica propia, e baixo un ferreo control político-económico por parte da Coroa, que no caso galego foi parello a un proceso de asimilación cultural e relixiosa.

Mapa dos reinos e territorios gobernados polos Reis Católicos arredor do ano 1500. A dúas cores os reinos que foron sometidos ou anexiados no seu mandato; Galicia, Navarra e Granada.

Introducironse no reino de Galiza novos organismos impostos desde fóra entre as que destacou a Real Audiencia de Galicia. Creada en 1480 por expreso mandado dos Reis Católicos, foi concebida como unha filial do Consello de Castela no reino de Galicia co obxectivo de conseguir a pacificación e sumisión do reino -"terra de xentes recias e feroces" para o rei Fernando II de Aragón- por vías coercitivas, un instrumento de control político que preludiou ás institucións deseñadas para o goberno de reinos periféricos ou de vicerreinados das Indias. A súa condición foránea quedou patente no escaso número de alcaldes maiores de orixe galega (non máis dun dous por cento entre os séculos XVI e XVII, chegando ao 15% no século XVIII).

Pola súa parte, as Xuntas do reino de Galicia, fundadas pola Santa Irmandade galega, foron reorgarnizadas desde enriba polos governadores católicos, Fernando de Acuña e López de Chinchilla, deixando de posuir poder executivo e lexislativo. Asi, o reino de Galiza entrou na Idade Moderna sen contar con institucións autónomas que lle puidesen garantir a súa personalidade política secular. A diferenza doutros reinos peninsulares, soportou un proceso de asimilación moi temperán que impedidu polo seu carácter a presenza activa de Galiza no proceso de constitución das monarquías absolutistas europeas, condicionando de forma determinante os cambios políticos, económicos e culturais experimentados pola sociedade galega[97].

[editar] Dos Trastamara aos Habsburgo

Os infantes Filipe o Fermoso de Habsburgo e Xoana a Tola, pais de Carlos de Habsburgo escenifican a unión de numerosos reinos europeos baixo este soberano oriúndo de Flandres. Apréciese á dereita o escudo do reino de Galiza, que pasaba a mans dos Habsburgo.

Despois dos Reis Católicos (da dinastía Trastámara), domearen o reino de Galicia, dándolle un tratamento de reino rebelde e conquistado[98],

[editar] O reino de Galicia no Imperio dos Habsburgo


[editar] A recuperación do voto do Reino de Galiza nas Cortes

Portada da cédula de permiso de comercio en favor da Real Compañía de Galicia. Arquivo Histórico Provincial de Lugo, 1734.

A partir do reinado de Xoán II de Castela o Reino de Galiza deixa de ser chamado ás Cortes e, aproximadamente, dende 1476 Zamora era a cidade encargada de falar por el na asemblea da Coroa de Castela. Mais dende 1518 as cidades e vilas galegas comezaron a mobilizarse para recuperar o seu voto lexítimo en Cortes, contradicindo os dirixentes galegos a potestade de Zamora de falar no nome do Reino de Galiza.

A recuperación do voto en Cortes foi un obxectivo compartido polas oligarquías urbanas e os magnates galegos. En 1520 o arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, o conde de Andradre e o de Benavente reclamárono durante a celebración das Cortes de Santiago sen obter resultado. Con todo o compromiso das elites galegas propiciou que o 4 de decembro de 1520, nobres e prelados do reino reunidos na Asemblea de Melide, dirixida polo arcebispo de Santiago Alonso III de Fonseca, insistiran na reclamación ó emperador no tema do voto, porén Carlos I rexeitou dotar a Galiza de voto nas Cortes unha vez máis[99].

Un ano despois da negativa do emperador, as cidades galegas toman a iniciativa, e no ano 1557 unha Xunta do Reino oferta 20.000 ducados polo que xa de por si era un voto lexítimo nas Cortes. A aspiración seguíu a ser recollida por sucesivas xuntas ata que no 1599 a Audiencia accedeu ó desexo das sete capitais e convocounas para tratar en exclusiva o asunto. Dous comisionados encargáronse de facer en Madrid as xestións pertinentes, mais as súas novas ofertas pecuniarias foron rexeitadas. Non obstante, dende 1621 apareceron as circunstancias precisas para o éxito da aspiración do reino galego. A Monarquía necesitaba a cooperación política e financeira dos seus reinos para soster o esforzo bélico (fin da Tregua dos Doce Anos)[100]. A oligarquía urbana e a nobreza galega foron quen de aproveitar a ocasión, e a pesar da resistencia de Zamora e o afán exclusivista das demais cidades con voto en Cortes, a Coroa sacrifica "la conveniencia política en aras de la necesidad militar", e no ano 1623 o reino de Galiza recupera o voto, despois iso si de pagar 100.000 ducados para construír unha escadra que defendera as súas propias costas. A influencia de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, foi decisiva para recuperar o voto, e que Filipe IV fixera merecede de tal por de 13 de outubro de 1623. A Xunta de 1621, a proposta do marqués de Cerralbo, gobernador do Reino, ofreceu os 100.000 ducados e ó conceder o voto en 1623 os procuradores galegos, conde de Salvaterra e D. Antonio de Castro e Andrade, asistiron ás Cortes convocadas para o 18 de marzo dese ano. Ámbolos dous foron nomeados por Frai Antonio de Soutomaior e o conde de Gondomar, quen xogaron un relevante papel na obtención do voto. Desta maneira o reino recuperaba un dereito de seu que durante 150 anos lle fora despoxado.

[editar] O Reino de Galiza na Idade Moderna

O Reino de Galicia, 1773

A representación do país ante a monarquía exercíaa a Xunta do Reino de Galicia composta por representantes das cidades de Santiago, Lugo, Betanzos, Coruña, Mondoñedo, Ourense e Tui. Esta institución non foi quen de exercer un poder nidiamente autónomo agás durante a invasión napoleónica. No transcurso da guerra da independencia asumíu a soberanía interior e exterior, entrementres o Rei de España Fernando non consolidase a súa posición.

Oficialmente, Galiza, mantívose como reino ata 1833 ano no que foi divido en catro provincias durante a rexencia de María Cristina, desaparecendo así dos mapas.

[editar] Os símbolos do reino

[editar] O león púrpura, emblema dos reis

Miniatura románica de Afonso VIII, rei de Galiza e León. Na parte superior apréciase a súa titulación orixinal, Rex Legionensium et Gallecie e na inferior o león púrpura símbolo da monarquía galaico-leonesa.

O costume de pintar formas heráldicas nos escudos de guerra, forxouse en Europa nos campos de batalla, non antes das décadas centrais do século XII, debido a unha confluencia de circunstancias de natureza moi diversa; unha delas foi a necesidade de diferenciar ó aliado e ó adversario na batalla, pois a difusión do casco con nasal, impedía tal, ocultando parcialmente o rostro dos combatentes, mais tamén debido ó gran valor ornamental dos escudos decorados con cores vivas, nítidas e alternadas, no contexto do que foi a sociedade cabaleiresca.

Os primeiros sinais heráldicos serían empregados polos reis, como un distintivo persoal co que se identificasen, ó pouco tempo comezarían a ser compartidos polos niveis sociais superiores pertencentes á dignidade real, e finalmente terminarían representando tamén ó territorio no que estes exercian a súa xurisdición, o reino.

Un dos primeiros reis europeos en facer uso deste sinal heráldico foi o galego Afonso VII, o Emperador, quen a comezos do século XII comeza timidamente a empregar o león púrpura conforme o seu vello simbolismo, o leo fortis (o forte león que simbolizaba a potencia e primacía do monarca), desenvolvéndose co seu fillo Fernando II e reafirmándose por fin en termos propiamente heráldicos con Afonso VIII.

Este novo símbolo que fora adoptado polos seus herdeiros, monarcas de Galiza e León, non pasou así e todo a representar unicamente ó reino de Galiza, senón a ambos reinos, pois era en ambos que os reis exercían o seu goberno, como se dunha unidade se tratase, sendo Compostela a cabeza cultural e relixiosa mentres que a cidade de León era a política e militar. A unión personal que os reinos de Castela-Toledo e Galiza-León comezaron a manter dende o século XIII non propiciou de ningunha forma que os reinos de Galiza e León deixasen de compartir o símbolo dos seus propios reis, asi trala usurpación do castelán Fernando III, o leo fortis púrpura seguirá a ser o emblema que apareza no SEYELLO DA IRMANDADE DOS REINOS DE LEON E GALICIA, e formará dende entón parte do cuartelado que os reis empregen, xa dende Castela.

[editar] O Cálice, emblema do reino

Escudo do Rei de Galiza segundo o armorial inglés Segar´s Roll, s.XIII. Esta é a primeira representación do escudo, nacido da confusión entre Galice —en lingua anglonormanda o nome do país— e calice[101].

Paralelamente ó proceso de desenvolvemento e consolidación dos emblemas reais europeos, nacían a finais do século XIII as primeiras compilacións dos mesmos, os armoriais, onde aparecían unha relación de reinos e das respectivas armas empregadas. No caso de Galiza, a antigüidade e proxección da que durante séculos gozou o reino e os seus reis, conlevou a que a súa representación heráldica fose ineludible en calquera armorial temperán (non así os máis recentes reinos de Castela e León), non obstante a inexistencia dunhas armas exclusivas de Galiza nese momento orixinou un baleiro que os heraldistas salvaron asignándolle unhas armas parlantes, é dicir a identificación simbólica coa fonética.

Anaco da obra "Pompas fúnebres do emperador Carlos V" no que se representan os estandartes do Reino de Galiza. Autor: Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI).

Foi o armorial inglés coñecido como Segar´s Roll, realizado no ano 1282, o primeiro que asignou ó rei ('roy de Galyce) e reino de Galiza un símbolo, o cálice, debido á ecuación fonética Galyce (Galicia) e Calice (Cálice) que se dá na lingua anglonormanda. A partir de entón os diferentes armoriais europeos comezaron a asignar o cálice como emblema do reino, ata que a mediados do século XV, este símbolo chegou a territorio galego, onde será axiña aceptado. Conseguintemente o antigo león púrpura perdía o carácter representativo da antiga monarquía galaico-leonesa en favor do seu máis coñecido carácter parlante, sendo adoptado en exclusiva polo reino de León a partir do mesmo século.

Os séculos posteriores definirían esteticamente as armas heráldicas, copón dourado en campo azur nun principio, e ó que paseniñamente se irán sumando cruces, o cálice ou copón convertirase nunha copa eucarística, cambiando a cor de fondo dependendo do contexto de uso e engadindo o restante o lema Hoc, hic, misterium firmiter profitemur.

Cómpre salientar que por ignorar ata o máis substancial dos procesos que quedan enunciados, non foron poucos os autores que ó longo do tempo creron erroneamente que o emblema heráldico galego tivera unha orixe remota, indeterminada, ou simplemente que con anterioridade puidera haber outros de carácter semellante e idéntica significación. Algúns historiadores dos séculos XVI e XVII, por exemplo, puxeron en circulación fabulosas invencións[102], como a do tantas veces repetido "dragón verde en campo de dourado", que o cronista Rodrigo Méndez Silva atribuíu ós reis suevos de Galiza[103].

[editar] Lingua e literatura

[editar] As linguas oficiais do reino

Artigo principal: Historia da lingua galega.

Desde o século I d.C. ó XII o latín desempeñou en toda a antiga Gallaecia, e polo tanto tamén no territorio estritamente galego ou occidental o papel máis correspondente ó que hoxe chamaríamos "lingua oficial", pois esta era a lingua utilizada nos textos escritos, tanto de carácter documental como literario. Non obstante, como aconteceu noutras partes conquistadas tardiamente polo Imperio Romano, na Gallaecia antiga só as elites politico-relixiosas que dispoñían dun poder económico abondo puideron permitirse adoptar costumes e lingua romanas, en canto que a maioría da poboación galaica, eminentemente rural e afastada dos centros de poder, continuou a manter os seus costumes, relixión e lingua. Esta situación non debeu de mudar significativamente ata a chegada de diferentes pobos no século V.

Sen datos lingüísticos concretos para o reino establecido na Gallaecia no período comprendido entre o séculos V e VIII, todo fai supor ós autores que coexistiron varias linguas nese momento. Por unha parte, o latín, con carácter oficial que mantería a súa condición de "lingua franca" ata finais da Idade Media, e por outra parte o conxunto de linguas maioritariamente faladas pola poboación que presumiblemente serían: o galaico antigo (lingua prerromana, de posible orixe celta[104].), diferentes dialectos xermánicos por xente de orixe sueva ou visigoda chegados no século V, e en menor proporción a lingua britana, falada unicamente no territorio correspondente á Diocese Britoniense[105].

No entanto, será o latín vulgar falado polas elites galaicas romanizadas o que vai a evoluír nun proto-galego impoñéndose paseniñamente ás demais linguas e afianzando a súa posición de lingua romance ou "romanzo", seguramente falado polas clases altas do reino galego dende o século X como amosa o historiador castelán Prudencio de Sandoval na súa obra Historia de los cinco reyes redactada no ano 1615, onde lembra o doorido pranto romancesco de Afonso VI pola perda do seu fillo Sancho na batalla de Uclés no ano 1108, asignando ó monarca o uso da lingua galega:[106]

(...)Los que escaparon desta rota fueron

a llevar las tristes nuevas al Rey don Alonso, que estava en Toledo;
fuele dolorosa y amarga, porque no tenia otro hijo, lloróle como un
David a Absalon; y en la lengua que se usaba dixo con dolor, y lagrimas
que quebrava el coraçon:

Ay meu fillo, Ay meu fillo, alegria de mi coraçon, et lume dos meos ollos,
solaz de miña vellez; Ay meu espello, en q me soya ver, et con quen tomava
moy gran prazer. Ay meu herdero mayor; Cavalleros hu me lo lexastes?;
dadme meu fillo Condes!.

Estas palabras dizen que dezia el Rey, y otras tales diria, que la causa del
dolor era grande (...)

Historia de los Reyes de Castilla y de Leon, Prudencio Sandoval.[107]

É pois na primeira metade do XIII cando o latín comeza a ser desprazado na escrita e aparecen os primeiros documentos en lingua galega ou "romanzo galego" de carácter oficial no reino de Galiza. O máis antigo do que temos novas é o "Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas" dado en Allariz no mes de abril de 1228, durante reinado de Afonso VIII, rei de León e Galicia[108]. Foi na Chancelería real deste mesmo rei, o derradeiro rei privativo de Galiza e León, onde se producíu este privilexio rodado o que pon de relevo o uso solemne que chegou a acadar a lingua galega, estendéndose o seu uso na segunda metade dese século e xeralizándose no século XIV.

Así, o galego foi a partir do século XIII a lingua normal e "oficial" entre os habitantes do reino de Galiza. Con todo, á morte de Afonso VIII, os reinos de Galiza e León, son finalmente gobernados polo rei de Castela, Fernando III, quen xa no ano 1250 se dirixe ós composteláns en castelán. Afonso X, alcumado "o Sabio", poeta prolífico en galego, que reina desde 1252 a 1284, consagra definitivamente o uso do castelán como lingua oficial da súa corte, utilizando en exclusiva esta lingua na súa relación coas cidades e vilas do reino de Galiza.

Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas, privilexio rodado do rei Afonso VIII. Primeiro documento real en lingua galega. Allariz, 1228.

Os reis sucesivos consolidan o castelán como lingua para todos os usos dos seus reinos, inclusive para as relacións coa Igrexa, o que provoca que aínda sendo practicamente unilingües en galego os documentos orixinarios do reino de Galiza, comecen a chegar pouco a pouco documentos en castelán emanados directamente da Chancelaría Real en Castela, aínda que a súa presenza fose mínima con relación ó galego ata séculos despois. Tamén se constata que a Igrexa comeza a facer uso público do galego no reino de Galiza a inicios do XIV, xeralizándoo durante a segunda metade do mesmo tanto en asuntos internos como na relación con outras institucións ou con particulares; a pesar da forte presenza do latín na vida da Igrexa, rexístrase o uso do galego en numerosas actas dos Sínodos das dioceses de Mondoñedo, Ourense ou Santiago durante os séculos XIV e XV, regulándose tamén en galego as cuestións e actos de culto. Porén, como consecuencia da derrota de Pedro I, apoiado pola nobreza galega, fronte ó seu irmán Henrique II de Trastámara, entra no século XIV no reino de Galiza unha aristocracia castelá acompañada da súa correspondente corte, traendo tamén consigo o castelán, que ata entón só se empregara en documentos enviados desde a corte de Castela a partir do reinado de Fernando III.

Este núcleo nobiliario foráneo a Galiza, que se instala co seu séquito no obxectivo de castigar á nobreza galega contraria a Henrique II, substitúe principalmente nos cargos importantes a persoas galegas por outras de fóra. Isto constituíu o primeiro foco diglósico no reino de Galiza, pois os escribas redactaban en lingua galega se eran orixinarios do reino, e en lingua castelá se eran estranxeiros neste[109]. Se ben é certo que estes últimos serían minoría en Galiza ata o século XV pois ademais da utilización do galego en todo tipo de documentación privada, este tamén foi empregado polos organismos civís libremente conformados polos cidadáns, principalmente concellos e gremios, así como pola Igrexa nas catedrais, conventos, mosteiros, etc.

Mapa cartográfico do Reino de Galiza. s.XVI. Feito por Ioannes Baptista Vrints.

Deste xeito o galego funcionou desde o século XIII ata fins do XV como lingua "oficial" entre os propios galegos, independentemente de que existira dende o século XIV unha ínfima minoría de xente estranxeira, aínda que detentadora do poder, que empregase o castelán.

A penetración decisiva do castelán no reino de Galiza verase incrementada coa vitoria, a fins do século XV, de Isabel a Católica na loita polo trono da Coroa de Castela que mantivo con Xoana, esta última apoiada maioritariamente pola nobreza galega que a defendía como lexítima herdeira. Baixo o reinado dos Reis Católicos consúmase a imposición definitiva da escrita en castelán no reino de Galiza e a partir de 1480 os escribáns públicos galegos han de ser examinados polo "Real Consejo" en Toledo, mudando os seus formularios galegos polos casteláns, factor determinante para a desaparición do galego da escrita e que tacitamente vén supor a supresión do carácter oficial de que ata entón na práctica gozaba o galego[110]. É a carencia dunha forte burguesía autóctona e independente o factor determinante que explica o desprestixio e a perda de funcións da lingua galega, en favor do establecemento do castelán como lingua oficial no reino. A este período lingüístico coñéceselle como os Séculos Escuros. O castelán pois, será a lingua que dende o século XVI ata a desaparición formal no reino galego no ano 1833 que se empregue nos documentos e actos con carácter oficial, e o galego a lingua que de facto se empregue polos seus habitantes.

[editar] O reino de Galiza na literatura medieval

O reino de Galiza posuíu na Idade Media unha gran proxección cara a Europa, non só no tocante á lingua, a meirande en termos de relevancia da lírica de toda Europa tras o occitano, senón tamén por ser un centro de cristiandade e mais pola súa delongada historia, o que lle outorgou unha posición prioritaria entre todos os reinos peninsulares de maneira singular. Dentro desta proxección cómpre salientar o libro de gravados coñecido como “O Romance de Ponthus e Sidoine”, escrito en Francia no século XIV, testemuña de excepción que dá boa conta do interese que espertaba o reino de Galiza, no cal se contan as fazañas do príncipe galego Ponthus.

A historia do príncipe Ponthus comeza coa invasión do rei musulmán Broada, fillo dun poderoso sultán, quen desembarca na Coruña cun exército de 30.000 homes, onde vence ó rei de Galiza, chamado Thibour. Entre tanto, un nobre da corte logra salvar trece cabaleiros, amais do herdeiro maior Ponthus, que se exilian no Reino de Bretaña, onde haberán ficar durante tres anos. Certo día, Ponthus é levado á corte do rei de Bretaña, onde coñece á princesa, e namoran.

Ó pouco, os musulmáns atacan os territorios bretóns, mais Ponthus logra unha vitoria definitiva salvando o reino de Bretaña, polo que o rei o nomea condestable; non obstante, é calumniado polo cabaleiro Gannelet, e decide ir vivir á fraga de Brocelianda. Tempo despois, as argalladas de Gannelet fan que Ponthus viaxe ó Reino de Inglaterra, onde consegue non só conciliar a paz entre os reis de Irlanda e Inglaterra, senón que el mesmo salva o reino dun ataque musulmán. Sabedor do amor que Sidoine aínda profesaba por el, marcha desde Londres a Bretaña a desposarse con ela e consegue xuntar unha poderosa flota de bretóns, normandos e franceses, que atacan de forma coordinada o exército musulmán localizado na Coruña, onde caen derrotados xunto co seu rei Broada. Recuperado o trono de Galiza, e libre de ocupación, Ponthus reencóntrase coa súa nai, a raíña galega, e co seu tío o conde de Asturias. Finalmente, Ponthus e Sidoine son coroados reis de Galiza e de Bretaña.

A historia de Ponthus e Sidoine foi amplamente lida pola nobreza europea, nos séculos XV e XVI, non faltando nas importantes bibliotecas de aristócratas bretóns e franceses, como por exemplo na de Carlota de Savoia, esposa do rei Luís XI de Francia.

[editar] O Reino de Galiza e a historiografía tradicional española

[editar] Introdución

A visión romanticista do reino visigodo foi un dos alicerces do nacionalismo español de finais do século XIX. Conversión de Recaredo. Muñoz Degrain, 1888. Palacio del Senado, Madrid.

Coa creación do Estado Liberal Español a comezos do século XIX, comeza a se forxar na época de Isabel II un proceso político-ideolóxico dirixido a xustificar por medio dunha longísima secuencia histórica a necesidade divina da creación política do Estado Español[111] e a establecer un arquetipo historiográfico español de rigorosa aplicación en todos os períodos históricos, pautas políticas desenvolvidas polo nacionalismo español e estudiadas por autores contemporáneos tales como J.S Pérez, Imman Fox[112], T. Elorriaga ou P.Cirujano [113].

A ausencia dunha historia que respondera ás esixencias ideolóxico-historiográficas do novo Estado-nación España, foi salvada polo ambicioso proxecto editorial de Modesto Lafuente, Historia General de España, emprendido no ano 1850 e que aspiraba a ser a primeira historia nacional española, establecendo os alicerces nos que posteriormente se asentarían gran parte da historiografía española.

Axiña e coincidindo co inicio das hostilidades bélicas con Marrocos na metade do século XIX, comezouse a colocar as pedras angulares da historiografía tradicional española; os visigodos, a Reconquista e o suposto papel preponderante do reino de Castela. Con isto pretendíase dotar á nación española dunha aura divina, Si alguna porción del globo parece hecha para ser habitada por un pueblo reunido en cuerpo de nación, este país es la España[114], concedendo ós visigodos unha especial atención ¿Serán estos (suevos e outros) los pueblos destinados a heredar esta rica y fértil provincia? No, ni España lo merece, ni Dios lo permite. Unos y otros serán arrojados por un pueblo menos indigno que ellos de ocupar este suelo privilegiado, los visigodos[115].

A xeración do 98 marcada fortemente polo nacionalismo español debido á perda das colonias de ultramar, non só herdaría os novos postulados historicistas, senón que afondaría na súa estela, proxectando o seu castelanismo no terreo historiográfico, por obra de Menéndez Pidal, creador do Centro de Estudios Históricos (en 1910)[116], baixo a súa dirección emprendíase en 1935 a publicación da enciclopedia Historia de España, onde aqueles arquetipos da Reconquista-Repoboación, loita contra o Islam e papel sobranceiro de Castela cobran plena carta de natureza[117], Crisis gravísima de la invasión árabe (...) nación invadida pasajeramente por los sarracenos[118], ensalzando a figura do fidalgo castelán o Cid como héroe de la nación española[119], e excelente cristiano, campeador de la fe y de la independencia nacional[120], aínda cando o Estado-nación español tardaría máis de 700 anos en formarse.

A consolidación desta ideoloxía historicista formada polo nacionalismo español chegaría ó seu maior grao co triunfo da ultradereita no ano 1936, establecéndose de xeito oficial durante a ditadura de Francisco Franco (1939-1975) e revestíndoa ideoloxicamente autores afíns á ditadura como o falaxista Pérez de Urbel[121], José Antonio Maravall e Salvador de Moxó entre outros, sobresaíndo de xeito fundamental a figura de Claudio Sánchez Albornoz[122], consolidador definitivo da historia nacional; He consagrado muchas horas (...) a la historia del último siglo del reino godo y a su triste caida: momento decisivo para el pasado de mi patria[123]. A caida do réxime ditatorial non afectou ás sólidas bases ideolóxicas da chamada historia oficial, servindo esta como base argumentativa tradicional dunha parte importante da historiografía comtemporánea española igualmente nacionalista; aquellos españoles (...) subyugados por la morisma (...), conservaron la religión, el espiritu nacional, lustre para nuestra nación[124].

[editar] Notas

  1. Orosius. Historiarum (VI,21), ed. Torres, 1985, p. 569: "Cantabri et astures Gallaeciae provincia portio sunt".
  2. Isidoro, Etimologías, XIV, 5, ed. Oroz/Marcos/Díaz, 1982, ps. 20-21.
  3. Clunia, primer confín de Yilliqiyya. Ibh Haián, Crónica, ed. Viguera/Corriente/Lacarra, 1981, p. 255.
  4. López Carreira, 2005. p. 377.
  5. O ano 411 é considerado por varios autores como o ano no cal "Os suevos converten as súas espadas en arados, e inician a inmediata cuñaxe de moedas", páxina 161, O comezo da nosa Idade Media, Xoán Bernárdez Vilar, 2003, Touxosoutos S.L., ISBN 84-95622-80-7, "chegada dos suevos e foedus con Roma", páxina 127, Anselmo López Carreira, in sección "Idade Media" da Historia de Galicia, 1996? Edicións A Nosa Terra, ISBN 84-89138-65-6.
  6. "No ano 411, un foedus co emperador Honorio asigna ós suevos a provincia da Gallaecia, nas súas rexións máis occidentais". Páxina 73, Ramón Villares, Historia de Galicia, 2004, Editorial Galaxia S.A., ISBN 84-8288-655-X.
    Porén, outros autores como Caamaño Gesto (n'A Gran Historia de Galicia. A Galicia Romana. Volume 2: Economía, Sociedade, Relixión e Arte; O Mundo Suévico) nega tal posibilidade: Hoxe en día parece un feito comprobado que os pobos bárbaros que invaden a península fano pola súa conta e non, como se cría, mediante un pacto cos romanos, aínda que este si existiu cos visigodos.
  7. Caamaño Gesto, José Manuel (2007), A Gran Historia de Galicia. A Galicia Romana. Volume 2: Economía, Sociedade, Relixión e Arte; O Mundo Suévico, Arrecife Edicións Galegas. ISBN 978-84-96931-06-0.
  8. López Carreira, 2005, p. 227.
  9. Martín, 1995, p. 433.
  10. Bishko, 1984, p. 339.
  11. 1088, outubro, 15. Mansilla, 1955, doc 27, p. 43.
  12. López Teixeira, 2005, p. 243.
  13. Historia Francorum. Gregorio de Tours.
  14. De scriptoribus ecclesiasticis. Sigebertus Gembalensis.
  15. RISCO, M., España Sagrada 40- 41.
  16. Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia pp. 288-304.
  17. Chronicon Iohannis Biclarensis 590.1 = vv 330-341.
  18. Wamba Lex.
  19. Synodus Toletana tertia.
  20. San Fructuoso de Braga: vida y novena, Juan Llorens, Vicente Rafael. 2007. p 21. Tamén [1].
  21. Ed.Cardoso, 1996, p. 24.
  22. Crónica Mozárabe, ed. López Pereira, 1980a, ps. 76-79: "cum reginam spanie in coniugo copulatam.
  23. Ed. Lafuente Alcántara, 1867, p. 166.
  24. Al-Maccari, Histori, ed. Gayangos, 2002, v. I, p.291.
  25. http://www.uni-mannheim.de/mateo/camenahist/agricola1/jpg/s113.html
  26. López Teixeira, 2003, p.54.
  27. López Teixeira, 2003, p. 60.
  28. Ajbar Machmúa, ed. Lafuente Alcántara, Madrid, 1867, p. 66.
  29. Crónicas Asturianas, ed.Juan Gil Fernández, José L. Moralejo, J. ruiz de la Peña, Crónica de Alfonso III, versión "Rotense", p.202
  30. Al-Maqqari, ed. Lafuente Alcántara, 1867, pp. 192-198.
  31. María del Carmen Pallares Méndez e Ermelindo Portela Silva, A Gran Historia de Galicia. Tomo IV: Da Galicia Antiga á Galicia Feudal (séculos VIII - XI). Volume 1: mulleres, homes e paisaxes, pp. 16-25. Arrecife Edicións Galegas S.L. ISBN 978-84-96931-07-7.
  32. Crónicas Asturias, ed. Juan Gil Fernández, José L. Moralejo, Juan I. Ruiz de la Peña, Crónica Albeldense, p.248.
  33. Crónicas Asturianas, ed Juan Gil Fernández, José L., Moralejo, J. Ruiz de la Peña, Crónica de Alfonso III, versión Rotense, p.210.
  34. López Teixeira, 2003, p.66.
  35. Crónicas Asturianas, ed. J.Gil Fernández, Morelejo, Ruiz de la Peña, Crónica de Alfonso III, versión "Rotense", p.212.
  36. 36,0 36,1 López Teixeira, p.75.
  37. Valdeavellano, L.C.,El Diploma del Rey Silo, Madrid, 1971.
  38. Crónicas Asturianas, ed. J.Gil Fernández, Morelejo, Ruiz de la Peña, Crónica de Alfonso III, versión "Rotense", p.248.
  39. Crónicas Asturianas, ed. J.Gil Fernández, Morelejo, Ruiz de la Peña, Crónica de Alfonso III, versión "Rotense", p.212.
  40. 40,0 40,1 40,2 López Teixeira, 2003 p.76.
  41. Reilly, B.F., Las españas medievales, Barcelona, 1996, p. 104.
  42. López Teixeira, 2003, p.78.
  43. [2].
  44. Annales Laurissense Maiores.
  45. Vita Hludovici.
  46. [3].
  47. Albeldense, ed. Gil/Moralejo/Ruiz, 1985, p. 176.
  48. Lafuente, 1850, I, ps. 162 ss.
  49. López Carreira, 2005, p.222.
  50. López Teixeira, 2003, p.109.
  51. Barbero, A e Vigil, M.,op. cit., p.324.
  52. Crónicas Asturianas, ed Juan Gil Fernández, José L., Moralejo, J. Ruiz de la Peña, Crónica de Alfonso III, versión Rotense, p.216.
  53. Cronica ad Sebastinum.
  54. Pérez de Urbel, J.,p.60, Tomo VI da Historia de España dirixida por Menéndez. Madrid, 1965.
  55. Risco, Vicente, Historia de Galicia. Vigo, 1978, p.92.
  56. Historiae minores, XXVII, p. 123.
  57. Crónicas Asturianas, ed. Juan Gil Fernández, José L.Moralejo, Juan I. Ruiz de la Peña, versión Rotense, p.218.
  58. Crónicas Asturianas, ed. Juan Gil Fernández, José L.Moralejo, Juan I. Ruiz de la Peña, Crónica Albeldense, p.250.
  59. López Teixeira, 2003 p.112.
  60. ACLe, doc. 6.
  61. ACLe, doc. 192.
  62. María del Carmen Pallares Méndez e Ermelindo Portela Silva, A Gran Historia de Galicia. Tomo IV. Volume 2. Poder e mentalidade. 2007. Arrecife Edicións Galegas. ISBN 978-84-96931-08-4.
  63. Sahagún, doc. 355.
  64. Ceballos, 2000. p 168.
  65. 1 de marzo, 998, Sahagún, doc 356.
  66. Ceballos, 2000, p.190.
  67. Crónica Xeral, ed. Lorenzo, 1975, p.226.
  68. Crónica de Pelayo, ed. Martín, 1995, p. 506.
  69. López Carreira, 2005, p.397.
  70. Maravall, 1981, p. 109 (Ademar de Chabannes, Chronica, 194-195).
  71. Documento do ano 1029. San Juan de la Peña. [4].
  72. Crónica Silense, ed. Pérez/González, 1959, p. 179.
  73. Esta historia chegou a inspirar a Victor Hugo a creación da epopea Le Petit Roi de Galice (O reiciño de Galicia), incluída na primeira serie da obra La Légende des siècles.
  74. López Carreira, 2005, p.380.
  75. López Carreira, 2005, p.397.
  76. Procter, 1988, p. 128.
  77. López Carreira, 2005, p.406.
  78. Fernão Lopes, Crónica, ed. 1966, p. 75.
  79. Fernão Lopes, Crónica, ed. 1966, p.86 "os da villa o sairom todos a reçeber".
  80. Fernão Lopes, Crónica, ed. 966, p. 87. "Carregar em Lisboa navios e cevada e vinhos, que levassem todo a aquelle logar para seer bastecido".
  81. Oliveira/Pizarro, 1990, I, p. 31.
  82. Russell, 1942, p. 361.
  83. Imaxe das Chroniques, de Jean Froissart, Biblioteca Nacional Francesa.
  84. Froissart, Chronique, t. 12, p.214.
  85. [5].
  86. 86,0 86,1 Annales de Aragón.
  87. López Carreira, 2005, p.246.
  88. Nunha lista de filiais de Cluny, sobre os séculos XI-XII apréciase: Prioratus Beatae Mariae de Cluniaco, de Villafrancha, alias de Valle Carceris, im Galicia, Asturicensis diocesis., incluíndo ás terras do Bierzo en Galicia. [6].
  89. Fernando Pulgar, Crónica de los Reyes Católicos, Madrid, 1943, II, p. 54.
  90. A cifra foi indicada polo mesmo Conde a un criado seu, Ares de Rigueira, testemuña dobre no preito Tabera-Fonseca, "Las fortalezas de la Mitra composte­lana", p. 490.
  91. 91,0 91,1 Pardo, 2000, p. 428.
  92. Monarquía y señoríos en la Castilla moderna: los adelantamientos de Castilla, León y Campos (1474-1643). Pilar Arregui Zamorano.
  93. (...)por las novedades que sucedían en Galicia por la ocupación de Ponferrada que se tenía por don Rodrigo Osorio conde de Lemos(...). Jerónimo Zurita. Annales de Aragón. Capítulo LXVII. [7].
  94. Sentencia de 1522, polo privilexio de exención de portaxe de Valencia de don Xoán contra Ponferrada.
  95. El peregrino curioso. Bartolomé Villalba y Estraña. 1577.
  96. Viguera/Corriente/Lacarra, 1981,I, p.219.
  97. Nogueira Román, 2001, 29 pp
  98. Jaime Vicens Vives (1968), Aproximación a la historia de España, Vicens Vives, Barcelona, p.117.
  99. FERNÁNDEZ VEGA, “Las Juntas del Reino de Galicia y la recuperación del voto en Cortes”, Compostellanum, XXV, n. 1-4 (1980). pp.21-23.
  100. THOMPSON, I.A.A., Guerra y Decadencia. Gobierno y Adminitración en la España de los Austrias, 1560-1620, Barcelona, 1981, pp.337-38.
  101. Galicia. Célula de universalidade. Os camiños do mar a Europa.
  102. Eduardo de Guevara y Valdés, 2008, p.37.
  103. Población general de España. Sus trofeos, blasones y conquistas heroicas,Madrid, 1645, fol. 123, e Catálogo Real y Genealógico de España, Madrid, 1656, fol. 19v.
  104. Eugenio R. Luján Martínez, The Language(s) of the Callaeci (en inglés).
  105. YOUNG, Simon (2001), Britonia: Camiños novos. 84-95622-58-0.
  106. Cfr. Sebastián Risco, Presencia da lingua galega, Edicións do Castro, A Coruña, 1973, pp. 8-9. Esta mesma cita xa figura reproducida nos Elementos de gramática gallega, de Marcial Valladares, de 1892, aínda que publicados por Galaxia en 1970; a cita vai precedida destas palabras (p. 21): "como abusivo es galleguizar innecesariamente muchas castellanas, ó adulterar las gallegas, acabará luego con nuestra melíflua habla, habla de nuestros antiguos legisladores y poetas; habla del Rey, que dijo: «Ay meu fillo! [...]"; en nota explica: "D. Alonso (sic) 60, al saber la muerte de su joven hijo el Infante D. Sancho, acaecida en la batalla de Uclés, llamada de los siete condes, que en ella se supone muertos, año 1100, segun Mariana, y el 29 de mayo de 1108, segun Madoz en su Diccionario geográfico, hablando de Uclés".
  107. Historia de los Reyes de Castilla y de Leon, Prudencio Sandoval.
  108. Este ademais é o documento máis antigo escrito en galego no actual territorio de Galicia, se ben hai documentos en galego aínda anteriores no tempo. Véxase: O Foro do bo Burgo do Castro Caldelas, dado por Afonso IX en 1228.
  109. Cfr. H. Monteagudo Romero, "Aspectos sociolingüísticos do uso escrito do galego, o castelán e o latín na Galicia tardomedieval (ss. XIII-XIV)", op. cit., p. 181.
  110. Cfr. X. Ferro Couselo, "Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego", in VV. AA., Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, Galaxia, Vigo, 1958, p. 251.
  111. López Carreira, 2005, p. 111.
  112. Fox, 1997.
  113. Cirujano/Elorriaga/Pérez, 1985.
  114. Lafuente, 1850, t I, p.1.
  115. Lafuente, 1877, t. I, p. viii.
  116. Vid. Fox, 1997, ps. 97 ss.
  117. López Carreira, 2005, pp 134.
  118. Menéndez Pidal, 1969, p.66.
  119. Menéndez Pidal, 1969, p.24.
  120. Menéndez Pidal, 1969, p.22.
  121. Colaborador de Vértice (Revista Nacional de Falange Española Tradicionalista y de las JONS) durante a guerra civil española e inmediata posguerra.
  122. A desaparición do Reino de Galiza na historia española. Anselmo López Carreira, Youtube.
  123. Pervivencia y crisis de la tradición jurídica romana en la España goda, 1ªed. 1962. p.1075.
  124. Simonet, 1983, p.vii.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, editeur Jacques-Paul Migne, Patrologia Latina.
  • Liber Sancti Jacobi "Codex Calixtinus", Santiago de Compostela, Xunta de Galicia , 07/2004.
  • Xosé Antonio López Teixeira, Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910), Editorial Toxosoutos, S.L. 02/2003.
  • Colin Smith, Galicia, todo un reino. Universidade de Santiago de Compostela, 1996.
  • Anselmo López Carreira, Martiño de Dumio: a creación dun reino, Edicions do Cumio, S.A. 08/1996.
  • Documentos medievales del reino de Galicia: Fernando II (1155-1188), ISBN 84-453-2818-2.
  • Armando Cotarelo Valledor, Alfonso III El Magno: último rey de Oviedo y primero de Galicia, Tres Cantos, Ediciones Istmo, S.A. 04/1992.
  • Reilly, Bernard F. "The 'Historia Compostelana: The Genesis and Composition of a Twelfth-Century Spanish 'Gesta," in Speculum 44 (1969): pp 78-85.
  • Gregory of Tours, History of the Franks, tradución por L. Thorpe (Penguin, 1974).
  • Emma Falque Rey, Historia compostelana. Ediciones Akal, S.A. 11/1994.
  • Isla Frez, Amancio, La sociedad gallega en la Alta Edad Media, C.S.I.C, 02/1992, ISBN 10: 84-00-07215-4.
  • YOUNG, Simon, Britonia: Camiños novos, Editorial Toxosoutos (2001), S.L. 84-95622-58-0.
  • Anselmo López Carreira, O reino de Galiza, Edicións A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas S.A., 1998, ISBN 84-89976-43-0.
  • César Candelas Colodrón, O cronicón de Hidacio: Bispo de Chaves, Editorial Toxosoutos S.L., 02/2004.
  • Jacobo Araujo, Bosquejo histórico político y religioso del antiguo reino de Galicia. Seminario de Estudios Terra de Viveiro. ISBN 10: 84-606-2244-4
  • Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia, Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.
  • FERNÁNDEZ VEGA, Las Juntas del Reino de Galicia y la recuperación del voto en Cortes, Compostellanum, XXV, n. 1-4 (1980).

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Navegación
Caixa de ferramentas
Outras linguas

901 krzesła kuchenne Czyszczenie armatury sanitarnej Termostaty Zestawy czyszczące i ochronne Poradniki